A dimensión do salto de Salto

Moncho Gándara

CARBALLO

23 abr 2014 . Actualizado a las 15:31 h.

A comezos da década dos 80, cando chegaba a Vimianzo para traballar de mestre, Salto asomaba xa coma unha parroquia punteira no sector agrogandeiro, fundamentalmente na produción leiteira. Houbo, polo menos, tres factores que contribuíron dun xeito moi importante a ese avance: a decisión veciñal de facer a concentración parcelaria (a segunda da provincia, principiando os anos 60), que transformou profundamente a estrutura da propiedade; o traballo asociativo entre os propios gandeiros e, sobre todo, o seu esforzo individual que logrou levar adiante un bo número de explotacións.

Polo ano 2000 nacía Neira Marcos, a asociación cultural da parroquia que, durante estes case 15 anos, vén desenvolvendo un intenso e variado traballo tanto no eido cultural coma no formativo e no lecer. E dentro das súas actividades está tamén a edición de tres publicacións, polo de agora, que teñen como denominador común a recuperación da memoria histórica parroquial. Dous libros, Salto: feitos, lendas e outras curiosidades e Salto na lembranza, e por último, o deuvedé Dona Carmen Neira Marcos, mestra de todo e para todos.

Precisamente hai cousa dun mes que chegou ás miñas mans unha copia deste vídeo onde, máis dunha trintena de veciños e veciñas, de moi diferentes idades, van rememorando a pegada que deixou neles e na parroquia dona Carmen, aquela mestra total; de escola de mañá, tarde, media tarde e noite, durante 32 anos. Pero á par que a lembran, falan tamén daquel seu mundo parroquial pechado, cheo de grandes privacións e con poucos medios; daquel tempo onde abrirse paso, sobre todo as mulleres, era algo case heroico; de camiños infernais de ida e volta da escola... Estas e outras realidades que, observadas desde hoxe, na perspectiva do tempo que pasou, deixan patente a grande transformación e avance da parroquia, a xusta dimensión do salto de Salto nos últimos 50 anos. Teño constancia de que este documento audiovisual foi o resultado dun enorme traballo: desde desprazamentos tanto dentro coma fóra da parroquia, de moitas horas de gravacións, ata de selección e montaxe do moito material recopilado para obter este produto tan digno e participativo.

Na confección do deuvedé tivo unha implicación activa Teresa Ferreira, a presidenta. Pero o que me parece especialmente significativo é a aportación decisiva de dúas mozas, no traballo de cámara e no da montaxe. Dúas mozas, María García Ferreira e Antía Ameixeiras que, sen viviren directamente aqueles tempos, tiveron a oportunidade e a experiencia de tomar conciencia do que fomos. Ben seguro de que este tesouro audiovisual está gardado nos fogares dos veciños e veciñas de Salto. Ogallá que haxa oportunidades de que chegue á consideración da mocidade, dos nenos e das nenas da parroquia, porque saber e comprender o que somos, onde estamos e cara onde imos empeza tamén por saber de onde vimos.

Moi benvidas estas publicacións. Parabéns e longa vida á asociación Neira Marcos.

Moncho Gándara é membro do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte