Unha pinga de imaxinación

Vicente de Lema

CARBALLO

23 abr 2014 . Actualizado a las 15:45 h.

En Carballo andan estes días cos preparativos para o festival de webseries. Seica son os primeiros en facer tal cousa e quen dá o primeiro golpe sempre leva vantaxe. É unha maneira de darlle sona ao concello. Así que hai que desexarlle aos organizadores que teñan moito éxito. Non hai como darlle volta aos miolos para que a sociedade vaia avanzando e subindo chanzos cara a mellora integral da comunidade.

Eu, pola miña parte, non son moi afeccionado ás series, nin sequera ás da televisión. Seméllanme cine feito á présa. Pero nesta vida hai que interesarse por todo canto o individuo vai creando. Todo enxeño é admirable. Non se debe desbotar nada, mesmo as historias vellas, desas que se escoitaban ao pé da lareira, ese espírito que aínda non morreu. Estes días de atrás contáronme unha historia fantástica inmensa, relacionada cun rapaz que naceu con unha eiva no cranio. Os médicos andivéronlle na cabeza na busca dunha solución. E déronlla. Un vello xuroume que o rapaz ten agora un parafuso e que cando non regula o pai apértalle a rosca. Unha pinga de imaxinación, coma nos mellores tempos.