Obskené: Meritoria execución, creatividade e orixinalidade

josé maría de la viña

CARBALLO

Fuenteovejuna, de Obskené.
Fuenteovejuna, de Obskené. Ana Garcia

«Coido que a Lope lle gustaría este enfoque, esta visión da súa idea»

20 oct 2014 . Actualizado a las 12:25 h.

Pois aquí estamos. Unha das cousas máis destacables deste grupo, é presentación. Na súa arela de buscar un teatro moderno e innovador, resulta isto: a posta en escena é tan especial que non lle serve o espazo escénico habitual do Pazo da Cultura; clásico para os clásicos. Non. O novo escenario é a planta superior do Mercado Municipal, unha superficie plana grande, onde está esparexido o público, disposto formando un hexágono. A iluminación é a do local; nada especial. A vestimenta é moi sinxela, moderna, de mono de traballo e pouco máis.

O único orixinal son eses antefaces de cores pintados ó redor dos seus ollos, que os transfiguran. Non hai apenas mobles: varias cadeiras pequenas e unha mesa. Ah, si: dúas escadas. Máis nada. ¿O texto?, Fuenteovejuna, de Lope de Vega. Don Félix de Lope de Vega y Carpio, como nos insiste un personaxe, non fora a ser que non o recoñezamos.

Presentan un teatro creativo, orixinal, baseado en figuras estéticas que se van armando sobre a marcha; declamacións distorsionadas; todo en 3D, que nos obriga a revirar o pescozo en ocasións.

E poñen a alma: ós dez minutos están suando con auténtica xenerosidade. É que o ritmo é acelerado. Corren, voan, debullando os versos con fluidez. Aínda que a historia case é o de menos; só vai servir de desculpa, de esqueleto dun todo. Ademais todos coñecen o final. A sorpresa está no como, non no que.

Comendador; Fuenteovejuna; ¡Fuenteovejuna Señor!; ¿Quién mató al comendador?... Esas son as palabras do texto que máis se escoitan.

Coido que Lope gustaríalle este enfoque, esta visión da súa idea. Tan chea de imaxes, de metáforas, de figuras artísticas.

Tamén é verdade que quedaría desconcertado coa linguaxe empregada; cos movementos escénicos, frescos e aleatorios; e tan modernos eles.

A declamación conta; ¡vaia se conta!. E os símbolos máis. Cadeiras, escadas, mesas, cancións. Cantares... Mais non saímos da historia de Fuenteovejuna. Sorprende. É como coller unha imaxe figurativa e extraer dela as súas ideas, conceptos, e desfiguralas ou esaxerar as súas representacións para obter un novo obxecto teatral. Deconstruir, chámanlle agora.

Imaxinade que colledes un Murillo e convertédelo nun Picaso. É arte contemporánea, no texto máis clásico do noso Teatro. E así quédaslle unha estrutura teatral máis simple, pero máis elaborada e estética. Sen apenas soportes alleos á interpretación.

Resulta arriscado renunciar a tantos elementos teatrais, auténticas ferramentas dunha peza, como son a iluminación, o son, o atrezzo, o vestiario... pero enténdese mellor, se nos decatamos que isto é teatro de rúa. E, con todo, aí está a harmonía. Lémbrame a danza moderna nos seus movementos colectivos, pero aquí hai texto. Así que a idea é simple. A execución moi meritoria.

Creatividade e orixinalidade: cólleme ese Velázquez e faime un Kandinsky, por seguir co exemplo pictórico. Semella un traballo de fin de curso. O teatro é contar. O contar é expresión. A expresión usa medios. Os medios, estes recursos formais, en si mesmos, poden tamén acadar un grande protagonismo.

Bo traballo, Obskené; quedoume un regusto agradable.