«Basicamente afecta aos artigos vinculados á horta, ó mel e ós ovos, nada máis»

La Voz

CARBALLO

30 oct 2014 . Actualizado a las 10:06 h.

Veterinario de profesión, integrante do Corpo especial de veterinarios da Xunta e xefe territorial dende xullo de 2011 Antonio Aguión Fernández analiza nesta entrevista concedida a Radio Voz Bergantiños cales son os produtos que se ven afectados por este novo decreto da Xunta de Galicia e como lle afecta aos comercializadores da Costa da Morte.

-¿A que tipo de produtos afecta este decreto administrativo?

-Basicamente, aos produtos vinculados á horta, como legumes, hortalizas, cogomelos, cereais e froitas. Segundo, ó mel e a xelea real e, terceiro, ós ovos, nada máis. Entre os produtores existen dúbidas sobre o leite e os seus derivados. Pois ben, estes artigos están regulados por outra lexislación sectorial que non ten nada que ver con este decreto que entrou en vigor o día 20.

-¿Como afecta esta norma á Costa da Morte?

-Esta bisbarra vese afectada polos produtos de horta.

-Hai xente que critica o sistema de etiquetado ou que non o entende.

-É sinxelo. O que busca é garantir os dereitos dos consumidores, pero tamén é unha forma de darlle valor engadido ao traballo do agricultor. Nesa etiqueta aparece a data e lugar de recollida e que canle se empregou para a comercialización do produto.