«O decreto de venda directa limita o intrusismo e valoriza o produto»

T. Longueira / M. Rey CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Di que esta norma é unha ferramenta de protección ao consumidor

30 oct 2014 . Actualizado a las 12:04 h.

O día 20 entrou en vigor a norma que regula a comercialización directa de produtos agrarios, que tanta axitación e desconcerto está a xerar na bisbarra. Para tratar de aclarar as dúbidas, o xefe territorial de Medio Rural e Mar, Antonio Aguión Fernández (Sada, 1968) impartirá unha charla mañá, a partir das 20.00 horas, no centro sociocultural de Paiosaco.

-¿Por que xera tanto recelo esta nova normativa?

-Na xente que se dedica á venda directa existe certa desinformación e desconcerto, por iso impartirei esta charla en Paiosaco. En todo caso, pódese adiantar que a norma afecta ás transaccións directas das producións primarias, dende o agricultor ata o consumidor final.

-Son tres vías de comercialización básicas: que se produza na propia explotación, nun mercado local ou nos comercios de venda polo miúdo.

-¿Que regula a norma?

-Indica como afecta, a quen lle afecta e a que produtos afecta. E aínda que xera certo desconcerto entre os produtores e os consumidores deste tipo de artigos, no decreto apúntase claramente todas estas cuestións.

-¿Que pasos debe seguir un produtor para adaptarse a esta normativa?

-Primeiro estar de alta no rexistro de explotacións agrarias de Galicia, Reaga. Segundo, como produtor debe comunicar que quere formar parte desta venda directa e, polo tanto, debe rexistrarse nese Reaga. Unha vez comunicada a súa decisión xa pode desenvolver esta actividade, ben na propia explotación, ben nos mercados locais ou establecementos minoristas.

-¿Qué vantaxes ten a norma?

-Permite, entre outras cousas, fixar poboación grazas a venda dos excedentes agrarios, que supoñen unha renda complementaria para os titulares das explotacións. E, despois, é importante ter en conta que con este novo regulamento se consigue un maior valor engadido dos produtos que se levan aos mercados locais.

-¿Pode adherirse calquera persoa a este rexistro?

-Para a Consellería do Medio Rural e do Mar pódese incluír neste rexistro calquera persoa, pensionista ou non pensionista, calquera persoa en activa. Pero efectivamente cada un terá que ver a súa situación como pensionista ou se lle supón algunha penalización nos ingresos percibidos ou rendas... Para iso o interesado deberá ver as táboas de ingresos. Pero non son unhas limitacións impostas pola Consellería do Medio Rural e do Mar, senón que cada un deberá facer a consulta na Seguridade Social e saber se ese réxime fiscal lle pode, ou non, afectar ao desenvolvemento desta actividade de venda directa. En todo caso, este decreto de venda directa non limita o acceso a ninguén.

-O BNG cualificou esta norma de «puñalada trapeira» aos mercados tradicionais. ¿Que ten que dicir ao respecto?

-De puñalada trapeira nada. Isto vense debatendo dende hai tempo e o contempla a normativa comunitaria e o desenvolve este decreto da Xunta, que foi consensuado cos sectores. O que fai a norma é regular e valorizar a produción agraria, limitar o intrusismo, fomentar a venda de calidade e protexer ao consumidor desde tipo de artigos.

Antonio Manuel Aguión Fernández Xefe territorial do medio rural e do mar