Veterinarios

X.Amancio Liñares Giraut O FIADEIRO

CARBALLO

06 feb 2016 . Actualizado a las 23:50 h.

Non se poden comprender os adiantos ou as excelencias actuais da gandería galega sen o labor calado e continuo dos profesionais da veterinaria, na compaña doutros técnicos e xunto cos saberes e tesón dos nosos labregos.

Tampouco se entenderían os logros desta ciencia esquecendo o nome de Juan Rof Codina (1874-1967). E para a avaliación requintada deste home, etiquetado como factótum no sector agropecuario, faise ineludible a consulta do libro Juan Rof Codina. Renovación na veterinaria e gandaría galega contemporánea (Xerais, 2015), de Diego Conde Gómez, doutor en Veterinaria pola USC.

«Co seu labor pedagóxico [Rof] soubo canalizar as inquedanzas de renovación que agromaban no ámbito agropecuario, e reivindicar o papel protagonista que a profesión veterinaria demandaba para a súa dignificación», escribe o autor, a quen lle notei o bo xorne persoal e investigador no proceso de edición da obra colectiva Os animais domésticos na Historia de Galicia (3C3, 2008).

O seu volume sobre Rof Codina contén un rexo traballo crítico e multidisciplinar, valorándoo como é debido, na cerna dos estudos históricos sobre a Veterinaria galega. Por tales méritos acadou o premio Jesús García Calvo, do IDEGA-USC e da Fundación Feiraco.

Diego Conde presenta o seu libro o vindeiro venres, 12 deste mes de febreiro, no centro Casas e Novoa de Sigüeiro (Oroso). Organiza a asociación cultural Troula e Edicións Xerais. A carón del falarán Diego Boquete, da CIG-Ensino, e Uxío Breogán Diéguez, director da revista Murguía.