«O valor da nosa lingua é inmenso polas súas conexións»

Á. Palmou

CARBALLO

XOÁN A. SOLER

O profesor e escritor presenta esta tarde na libraría Brañas un libro no que recompila algúns dos seus artigos

07 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha compilación dos artigos que publicou desde novembro do 2010 ata finais do 2015 na revista Terra e Tempo dan forma ao último libro do profesor da Facultade de Filoloxía da UDC Xosé Manuel Sánchez Rei (A Coruña, 1971). O falar das fadas. Lingua música e toponimia da Galiza (Baía Edicións) é o título da obra, que hoxe presentará na libraría carballesa Brañas (ás 20 horas) nun acto no que estará acompañado por Xosé Cotelo, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Belén López Vázquez.

-¿Por que se decantou por ese título?

-Porque se a lingua propia de Galicia é o galego, a súa toponimia tamén será galega, como os mitos e as lendas e as fadas cando entre si se comuniquen tamén o farán en galego, así que pareceume axeitado este título que está extraído dun poema de Lamas Carvajal. Ese foi o punto de conexión entre a toponimia, a música e a lingua.

-¿Son eses tres os temas que máis lle interesan?

-Hai moitos tres temas tratados aí, aínda que eses poden ser os eixos. Tamén os hai sobre as asociacións culturais, e veciñais, en como certos gobernos municipais e provinciais do PP tentaron laminar todo o labor desas entidades; outros están dedicados, por exemplo, a ponderar porque parece máis interesante unha exaltación do traxe flamenco e non do traxe tradicional galego...

-¿Cando botou a vista atrás para facer a compilación non xurdiu a tentación de cambiar ou actualizar algo?

-Os artigos levan a data ao final do texto para que se poidan contextualizar. Algúns deles hoxe en día non sería necesario tocalos porque se mantén a mesma situación que entón, como ocorre coa toponimia: aínda hoxe hai canles de televisión que incumpren a lei e gobernos municipais que deturpan os topónimos. Noutros casos, como por exemplo cando se fala dunhas eleccións, o contexto cambiou por iso é importante tamén que leven a data.

-¿Como cualificaría a evolución da situación de Galicia e do galego no período que abranguen os artigos?

-Desde a chegada do Partido Popular ao goberno, peor.

-¿E o futuro?

-Como non mude o tipo de política que se fai coa lingua o futuro non será bo, e é unha mágoa porque cando vas polo mundo na túa lingua é incrible ver como xente que non é de aquí aprecia ou repara moito máis na importancia que ten. Hai un artigo que escribín cando fun a Viena a un congreso no que conto como puiden falar en galego co señor do hotel, porque era de Angola, como o propio congreso tiña como linguas oficiais o portugués e o galego, ou como nunha tenda me falaron galego porque a señora que a atendía era portuguesa. O valor da nosa lingua é moito, inmenso, por ela propia e polas conexións que nos favorecen con outros países. Moitos pobos do mundo estarían moi orgullosos de ter unha lingua como a nosa. Non hai linguas peores ou mellores ca outras, todas son iguais de dignas, pero a nosa ten unhas potencialidades moi grandes porque nos involucra e envolve con outros países. Non podemos máis que estar orgullosos de ter unha lingua que nace aquí e que co pasar do tempo acabou sendo unha das linguas románicas máis faladas do mundo, que é o portugués.