Ser actriz, unha bendición maldita

tamara canosa

CARBALLO

josé manuel casal< / span>

«(...) Ser actriz é como camiñar descalza cos ollos pechados, como bicar mordendo. Como a vertixe dunha atracción de feira. É traballar co que es, co que queres ser, co que tes e co que perdiches, co que desexas, odias ou temes. Actuar é sempre un acto indecentemente persoal. Por iso a necesidade de interpretar é un alter ego omnipresente nas nosas vidas (...)»

12 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ser actriz é como vivir cunha pantasma. Como compartir camiño cun amante co que fas o amor desaforada, pero co que nunca convives en calma.

É unha sombra que nunca deixa que te sintas soa pero que tampouco che deixa en paz cando o precisas. Un mestre que logra que te sintas poderosa e que de súpeto pon luz directa na túa insignificancia.

É como ter un amante, un diaño, un orgasmo e un inimigo que sabe quererte.

Creo que todas as actrices e actores sentimos moitas veces a nosa necesidade de interpretar como unha maldición, pero tamén sabemos que é a nosa única salvación. Ser actriz é como ter que pasar constantemente un exame no que expor cada gramo de incoherencia, fraxilidade e miseria propia. E no que só sobrevives se no camiño te reconcilias coa túa propia humanidade. É como atopar diamantes nos teus propios vómitos.

Unha bendición maldita que actúa coma unha droga. Non importa canto sufras cun personaxe, cun proxecto ou director. Non importa canto odiases a sensación de infinita vulnerabilidade que acompaña a esta profesión. En canto aparece un proxecto que alimenta a túa imaxinación, entrégaste a amalo completamente desarmada.

Ser actriz é como camiñar descalza cos ollos pechados, como bicar mordendo. Como a vertixe dunha atracción de feira.

É traballar co que es, co que queres ser, co que tes e co que perdiches, co que desexas, odias ou temes. Actuar é sempre un acto indecentemente persoal.

Por iso a necesidade de interpretar é un alter ego omnipresente nas nosas vidas. Eu tentei exorcizalo en varias ocasións. Pero a fame de actuar latexa imparable dende a cabeza, o corazón e os xenitais de cada actor e actriz.

Compromiso suicida

Un traballo que consiste en facer de verdade algo que non é verdade precisa do compromiso suicida e exhibicionista de amosar a nosa íntima caixa de Pandora a todo fillo de veciño. E tal determinación non pode nacer dun capricho. Vén dun impulso, de algo non opcional. A necesidade de actuar é coma unha corrente subterránea que habita en nós e que se non atopa canle acaba por facernos estoupar.

Xogamos coa nosa vocación ás agochadas e cando nos cruzamos con ela detrás do sofá fodemos, berramos, choramos, sufrimos ou gozamos. Nunca sabemos se a seguinte pisada afunde nun pozo ou asenta nunha escaleira. A única constante na nosa vida profesional é que sempre, con cada paso, personaxe ou proxecto, medramos. E supoño que por iso resistimos.

Ser actriz é resistir.

Porque ser actriz pode ser unha elección, pero interpretar nunca o é.

«Xogamos coa nosa vocación ás agochadas e cando nos cruzamos con ela detrás do sofá...»

«A fame de actuar latexa imparable dende a cabeza, o corazón e os xenitais de cada actor e actriz»

DNI. Tamara Canosa. Nacida en A Coruña no 1983, Tamara Canosa é actriz. Ten raíces en Sardiñeiro (Fisterra) e tamén en Camariñas. O seu nome está ligado ao audiovisual galego (e ao tetro) dende hai xa moito tempo. Deu vida a Laura en «Mareas Vivas», unha serie que marcou a Costa da Morte. Logo chegarían papeis en filmes como «Vilamor», do director Ignacio Vilar, ou «Pradolongo», polo que obtivo o premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina protagonista. Tamara formou parte tamén do elenco da serie «Hospital Real» e volveu a traballar con Vilamor na película «Sicixia».