«O noso obxectivo é mellorar a vida da xente cos cogomelos»

VERÓNICA COUTO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Hifas da Terra ten a súa sede física en A Quinta das Cabadas, en Pontevedra, con tenda «on-line»

20 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En Hifas da Terra investigan o mundo dos cogomelos, son expertos en micoterapia. Naceu no ano 1999 da man de Catalina Fernández de Ana Portela, bióloga, promotora, cofundadora e directora xeral.

-¿Que se fai dende Hifas da Terra?

-É unha empresa que foi planificada case como un centro de investigación. Somos científicos que estudamos o mundo dos cogomelos, o que se chama o Reino Fungi. Estudamos todos os compoñentes e deseñamos produtos que pensamos que poden axudar á xente e poden utilizar no seu día a día, tanto sexan alimentos, complementos nutricionais, plantas micorrizadas...

-¿Que tipo de profesionais forman a empresa?

-Temos de todo. Dende médicos, oncólogos, doutores en farmacia, enxeñeiros, biólogos, bioquímicos, técnicos de laboratorio, enfermeiras, administrativos, xornalistas, técnicos de imaxe e son, deseñadores gráficos, tradución e interpretación, hostalaría e técnicos de recursos naturais.

-¿Que tipo de usos poden ter os fungos?

-Todo o que se nos poida imaxinar. Esta é unha profesión moi divertida, porque te formas, estudas ciencia, e despois dende alí, mesturando ciencia con creatividade e imaxinación e escoitando as necesidades da xente, tes todo o que te podas imaxinar.

-¿Cal é o principal obxectivo de Hifas da Terra?

-Que a toda persoa no mundo que queira coñecer máis sobre os cogomelos poidamos achegarlle o mellor produto. Eu penso que son unha gran afortunada porque tiven a enorme sorte de soñar cun proxecto, de soñalo, de debuxalo, e de traballar todos os días nel pasándoo moi ben. Penso que ese é o maior regalo que podes ter. Síntome moi agradecida, polo que intento facer algo que beneficie á saúde da xente, que estea contenta. O noso obxectivo é, a través dos cogomelos, mellorar a vida da xente.

-¿De que maneira axudan ás persoas?

-Regulan o sistema inmunolóxico, axudan a que o noso exército interior funcione mellor, que estea máis alerta. Simplemente adestras o corpo para que responda mellor. O noso compromiso é buscar os mellores ingredientes para todo.

-¿E ao medio ambiente?

-Teñen unha función moi importante, que é a restauración medioambiental. Son os grandes descompoñedores da natureza, son os que nos permiten que siga o ciclo da vida, constantemente fechan ese ciclo da vida convertendo a materia orgánica morta en novos principios básicos que poidan aproveitar os novos organismos que están nacendo ou que están medrando. Outra parte importante é a restauración de solos ou vertidos.

-Ademais de estudar o xa plantado, tamén producen, teñen plantacións.

-Nós somos agora mesmo o viveiro máis grande do mundo de planta de castiñeiro, enxertado e micorrizado con boletus. Ao micorrizala poñémoslle como un guante que a protexe das feridas e fai que as plantas medren máis e mellor e produzan máis. Temos variedades de froito de Galicia típicas, tamén de Portugal, Francia..

-¿Comparten a crenza de que a micoloxía está en auxe?

-O meu pai, o doutor Fernández de Ana Magán, é un dos grandes micólogos galegos e xa hai moitos anos promovía xornadas. Houbo un parón, dende os 80 ata o 2000. Agora estase retomando algo. Eu creo que nisto tamén tivo moito que ver Hifas da Terra. Levamos nestes 18 anos formado a milleiros de persoas nos distintos concellos de Galicia. E si, hai moita xente retomando esta actividade.

-Vostedes teñen un Centro de interpretación micolóxica, aberto ao público.

-A verdade é que ten moitas visitas. De feito agora queremos empezar a facer unhas visitas guiadas nas que poidamos poñer a unha persoa para explicar todo. Un proxecto que temos agora en marcha. Por aquí pasaron miles de persoas.

-¿Como intentan inculcar e ensinar a xente a comer setas?

-Cando eu empecei, a xente mirábame con cara de desconfianza e ao final decidín que tiña que facer que comeran os cogomelos, porque se facía iso entón poderían aprender a degustalos e veríanos con outros ollos. Empezamos entón a facer cursos de cociña, que ademais eran multitudinarios. A partir de aí fomos facendo un libriño de receitas que se reeditou tres veces, tivo moitísimo éxito. Fixéronse moitísimos cursos. Hoxe temos un Webinar que se fai en Inglaterra, con un chef francés, que utiliza cogomelos de Hifas da Terra.

«Hifas da Terra ten o viveiro máis grande do mundo en planta de castiñeiro»

«Empezamos a traballar con China e isto énchenos de orgullo»

Hifas da Terra exporta produtos a todo o mundo.

-Teñen á venda unha serie de produtos de micoterapia. ¿Cales?

-Somos o primeiro grupo de investigación a nivel europeo que desenvolveu unha terapia a base de cogomelos, da combinación dos distintos fungos. Isto é o que se chama a micoterapia. Nós desenvolvemos unha liña infantil, uns xarabes, para potenciar o sistema inmunolóxico un e outro para temas dixestivos e neuronais, de memoria. A verdade é que dan uns resultados espectaculares. Despois temos unha liña de prevención, unha de actuación cando hai síntomas máis graves. Todo isto sempre a carón da terapia que manda o médico, da terapia convencional. Os nosos produtos o bo que teñen é que son produtos naturais que se poden utilizar sen ningún tipo de interferencia cos medicamentos. Temos dende liña infantil ata produtos para axudar ao enfermo de cáncer, con unha terapia de soporte, para levar mellor os efectos secundarios.

-¿A que países chegan os produtos de Hifas da terra??

-Agora mesmo España, Portugal, Francia, Italia, Reino Unido (onde temos unha oficina con tres persoas fixas), estamos empezando a exportar en Perú, en EEUU, traballamos con Australia, e agora estamos empezando con China. E isto énchenos de orgullo porque China é o berce da micoterapia.

-Acaban de recibir o pasado ano o premio Alimentos de España 2016 á produción ecolóxica.

-Estamos moi contentos, porque ves que o mundo vai cara o ecolóxico. A era do ecolóxico está aquí, quen o proba entende as diferenzas entre unha alimentación ecolóxica e unha convencional e os beneficios. O feito de que a nós nos elixiran entre todas as empresas para darnos este premio é un recoñecemento moi importante.