«O lobo é unha especie de conto, de mito, de lenda»

verónica couto CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CEDIDA

A empresa organizou, xunto co Concello de Santa Comba, as Xornadas nacionais sobre este animal

27 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta fin de semana desenvolvéronse en Santa Comba as segundas Xornadas nacionais do Lobo, organizadas polo Concello e a empresa Spartana Control Service, que se dedica ao control ambiental. O seu xerente, Manuel Calvo Rey, conta que tamén realizan «control de fauna, fauna invasora normalmente ou algún tipo de fauna que polo motivo que sexa (habitualmente, pola acción do home), creceu desproporcionadamente e necesita un control, un censo ou calquera cousa que fose necesaria».

-Fala do control da fauna. ¿Que especie poderíamos citar aquí?

- Sobre todo a gaivota patiamarela nas cidades, que se está convertendo día a día nunha praga máis grande porque se adaptou ao noso modo de vida. As nosas cidades presentan estruturas perfectas para que elas críen. O primeiro que se fai é un censo para saber a poboación, para saber si temos que incidir sobre ela. Cando os censos arroxan números preocupantes o que se fai é unha acción de control dependendo do caso ou do lugar con uns métodos ou con outros.

-Tamén fan un importante labor con animais que podemos catalogar como perigosos.

-Cos animais perigosos facemos dous tipos de traballo. Por un lado, que debería ser primeiro, a educación ambiental en colexios, institutos, centros de formación... onde se lle explica aos alumnos que os animais moitas veces que vemos nas tendas poden ser moi bonitos, pero cando os mercamos adquirimos tamén unhas obrigacións que son durante toda a vida dese animal. O noso traballo está centrado en iso, primeiro educar para que a xente saiba que vai a mercar e se prepare e se forme para iso. E o segundo, cando hai un problema de emerxencia ou de urxencia con ese animal facemos a recollida, que moitas veces non é fácil porque os nosos corpos e forzas de seguridade como é un problema relativamente novo aínda están comezando a formarse nisto. Hai animais que necesitan equipos especiais para poder recollelos.

-¿Que máis lle intentan transmitir aos escolares?

-Sobre todo un respecto pola natureza, polo entorno. Nos temos aves rapaces, cetrería, e chámanos moitísimo a atención cando vas a calquera colexio sobre todo rural, cando vén sobre todo un azor din: ese é o que lle come as galiñas a meu avó. E despois da charla, despois de velo e de contarlle cal é a súa función no medio, cal é a súa parte no ecosistema deixan de velo como o animal que lle come as galiñas ao seu avó e empezan a velo como o que é, un depredador que fai unha función básica na pirámide do ecosistema que ocupa.

-¿Que obxectivo teñen propostas como as Xornadas do lobo celebradas en Santa Comba?

-É un proxecto que comezamos o ano pasado con moita ilusión porque cremos necesario trasladarlle ao gran público a opinión desa xente que rara vez vemos nos medios de comunicación, os nosos biólogos, esa xente que dedica a súa vida a estudar unha especie tan ilustre como podemos dicir que é o lobo, e que nos contan cousas verdadeiramente apaixonantes sobre este gran depredador que temos. E non quedamos aí só, tamén queremos que a xente saiba toda a realidade do que vive no campo, do que vive co lobo porque a moita xente pódenos parecer un marabilloso animal, un depredador impresionante, pero tamén ten a súa contrapartida. Sendo en Galicia e sendo en Santa Comba non podíamos deixar de traer a gandeiros, actores do mundo rural que nos conten e nos expliquen cal é a problemática que lles xera e eles no día a día o lobo.

-Máis alá de lendas e crenzas, ¿Coñecemos a situación real do lobo?

-É o que tratamos de facer nestas xornadas, hai xente que nos vén a falar desa situación real do lobo, dos ataques ou non ataques. Xente da Administración que sabe os datos porque os ten encima da súa mesa, que nos pode falar de censos e de moitas cousas que consideramos interesantes. O lobo é unha especie de conto, de mito, de lenda, pero dende aquí queremos descubrir canto hai de realidade.

-Tiveron poñentes de altura.

-Para facernos unha idea, abriu as xornadas a través de Skype, a filla de Félix Rodríguez de la Fuente, Odile Rodríguez de la Fuente. Imos a ter grandes nomes como Carlos Sanz, colaborador de Félix Rodríguez de la Fuente e agora director do Centro de Interpretación do Lobo de La Sierra de la Culebra, en Castela e León. Temos tamén a Felipe Requena, de Acción lobo; Gil Cubillo, estudoso do lobo con varias publicacións e documentais. Tamén tivemos presenza de iniciativas que parten de concellos. Estivo presente a USC a través da Facultade de Veterinaria para falar das medidas que os gandeiros poden adoptar para que os lobos non ataquen ao gando, ademais nunha mesa redonda. Tivemos tamén unha pequena introdución con poñentes destacados como pode ser Chisco Lema, naturalista da Costa da Morte que leva media vida dedicado a estudar o lobo, sobre a contaminación xenética ou a hibridación entre lobo e can; e moitos máis.