«Coa autovía hai que seguir dando pasos, a todos nos gustaría ter máis»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

FRAN RODRÍGUEZ

O exdirector xeral de Xuventude e exalcalde de Boqueixón analiza os investimentos e retos para a zona

09 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ovidio Rodeiro Tato (Gastrar, Boqueixón; 1972) é un vello coñecido da Costa da Morte, especialmente dos anos nos que foi o director xeral de Xuventude, motivo polo que fixo moitas viaxes á comarca. Tamén era concelleiro polo PP no seu municipio, dende 1999, e no 2015 foi elixido alcalde. En novembro do ano pasado, Feijoo nomeouno Delegado Territorial da Xunta na Coruña. Nun ano e seis meses, viuse con todos eses cambios.

-Tocáronlle moitos cambios de repente.

-Así é. Na Xunta, en Xuventude, foi unha etapa moi importante, fixemos moitas cousas, con renovacións, cunha política para os mozos. Aí puxemos moito e empeño, e logo funme para o meu Concello, que é un sitio ao que quero moito. E xurdiu esta chamada e aquí estamos con moitísima ilusión e moitas ganas.

-Toucoulle moito falar coa da Fundación Pondal. Este ano, o centenario do pasamento do poeta. ¿Que opina da entidade?

-É un referente, sobre todo na súa dinámica de traballo, na forma de facer as cousas, un modelo e exemplo a seguir, como buscan a forma de facilitar a incorporación da mocidade a este tipo de entidades, que non sempre é fácil, porque envellecen, e ese é o modelo seguir, a copiar e transferir noutros sitios, esa metodoloxía de traballo, que busca que a xente que participa poida aprender do que fai: ganar experiencia, adquirir coñecemento, que traballe con ilusión. O que gana é o pobo de Ponteceso e toda a comarca. E incluso para Galicia é un referente por todo o que fan.

-As infraestruturas tocan moito o seu campo. Días atrás anunciouse a ampliación da autovía como corredor ata Vimianzo. Houbo moitas críticas dos alcaldes. ¿Que lle parece?

-É un proxecto moi ambicioso. Tómase a decisión agora, que se inicia coa licitación da redacción dese proxecto, con 22 millóns de euros. Hai que ir dando pasos. A todos nos gustaría ter máis do que temos, sempre. Os alcaldes fan ben en reivindicar máis. Pero é unha infraestrutura moi importante, que vai situar este territorio no mapa das infraestruturas, e os alcaldes están no seu dereito a pedir. Vai quedar dimensionada e preparada en caso de que teña un tráfico maior para ser autovía. É un paso importantísimo. Un logro fundamental para este territorio, que vai resolver moitos problemas. Igual que o empeño que pon a conselleira Ethel Vázquez con numerosos proxectos: sendas, arranxos de estradas...

-As sendas. Antes eran case anecdóticas. ¿Como veñen agora tantas xuntas?

-Estamos superando a crise económica. E nas infraestruturas vese movemento. Hai algunhas de reforzo e mellora de firme de vías autonómicas, por seguridade, como os 750.000 euros que se destinan para estradas da Costa da Morte; ou 400.000 euros para a reparación da AC-552 en travesías urbanas de varios concellos, melloras importantes de Ordes a Cerceda, o arranxo da vía de Portomouro a Santa Comba. E, si, tamén. 530.000 euros para distinta sendas peonís, que veñen a facilitar que a xente poida camiñar con seguridade, outra forma de mobilidade, como bicicleta, non só o coche: Cabana, Buño, Ponteceso, Bértoa... E tamén hai outra que hai que lembrar, como a ponte da desembocadura do Xallas, no Ézaro, con 400.000 euros. A consellería de Ethel Vázquez está facendo unha aposta interesante tamén no eido da mobilidade.

-Ela falaba días atrás de que aposta polo transporte público. Pero a realidade é que xa non se usa como se usaba hai anos, por moito que o transporte metropolitano si implique un repunte nos concellos que o teñen.

-É un tema complexo. Se unha liña de transporte non ten usuarios, as propias empresas acabarán renunciando a elas. Aí demos un paso importantísimo, por exemplo coa tarxeta Xente Nova, de gratuidade no transporte metropolitano para menores de 19 anos. Nesta zona, 700 mozos úsana. É unha maneira de facilitar que a xente nova use o transporte público. E no futuro farano con máis tranquilidade. Temos tamén que seguir avanzando no transporte metropolitano. Xa van 270.000 billetes bonificados (3.352 usuarios teñen a tarxeta). É unha forma importante de seguir incentivando que a xente use o transporte.

-¿Que opinión ten da situación que atravesa Ferroatlántica?

-É un grupo que leva moito tempo neste territorio. Tiña contento ao colectivo co que traballaba, mesmo ao tecido asociativo. A posición da Xunta é moi clara: un compromiso firme cos traballadores, tanto no mantemento de emprego como de actividade industrial. Houbo reunións da Xunta cos alcaldes e hai unha prioridade clara da Xunta, que é sobre todo a máxima transparencia, mantendo sempre informados aos alcaldes. Toca facer unha fronte común, de diálogo, cos traballadores, cos alcaldes. O proceso de negociación está aí, e a Xunta velará por que se cumpra o que nos marca a lei.

-Cando vostede empezaba e concelleiro no 99 xa se falaba do parque de megalitismo. Aínda hoxe seguimos esperando. ¿Algún día chegará?

-Se hai un traballo conxunto, aunando esforzos, de todas as Administracións, seguramente. Mesmo co Estado, a través do 1 % cultural. Hai cousas difíciles que se acaban conseguindo.

-Sería bo para o turismo, que nesta bisbarra é fundamental. Parece que os xeodestinos non dan arrancado.

-Toca impulsalos, sobre todo os que non están aínda en marcha na provincia, que os hai. É unha liña de colaboración dos territorios entre si, e hai que facer un esforzo. Dende a Delegación imos traballar nese sentido. Hai moitos aspectos que atender á hora de dinamizar un territorio, non só o turístico. Moitas áreas. Como o sector primario, que convén falar deles. E máis nesta zona, onde no 2016 se financiaron 18 proxectos, onde a Xunta aporta 1,6 millóns de euros e mobiliza 2,7 en apoio a explotacións, a gandeiros, a novas actividades de incorporación de mozos no agro... Hai que reforzar todo o que temos, e mantelo vivo.

-Falando diso, os polígonos son clave para o desenvolvemento. Xestur fai rebaixas importantes e SEA non. ¿Que pode artellar a Xunta para evitar esa competencia? ¿Asumir os de SEA?

-Son dúas Administracións distintas: a estatal, coas mesmas normas para todo o Estado, algo que nos dificulta tomar medidas, e a autonómica, cunha política distinta de favorecer o asentamento. É un tema no que estamos traballando con SEA, camiñando nesa liña.