Sisley

Miguel A. Mato Fondo O LECTOR NO PARAÍSO

CARBALLO

27 abr 2017 . Actualizado a las 21:10 h.

Sisley pintaba as paisaxes da nosa memoria, postas de sol, barcas na beira da ría, os ceus inmensos do verán, que agora contemplo como unha obra de arte. Como se dentro de un se agochara un pintor. Lembro aquel poema de Luís Seoane, O pintor exiliado, na que o protagonista, nalgún lugar das Américas, recrea a paisaxe da súa infancia. Caviloso, vai lembrando o mundo da súa mocedade. Ante el, a man traza as curvas suaves das montañas, a xente a traballar nas leiras, as lendas antigas, o vento do norde e as rosas da nenez.

O pincel traza na tea a memoria dun lonxano país, recolle as cores, as escenas familiares, o ar, o mundo do fantástico transmitido a través dos contos, o son dos cascos dos cabalos nos camiños das feiras. Como Chagall, que pintaba cada día a súa lonxana aldea rusa. A paisaxe do cadro de Luís Seoane, literaria ou pictórica, é unha paisaxe artística. Unha paisaxe humanizada, alterada polas mans que a modelaron ao longo dos séculos. Mesmo aquela paisaxe que nos parece máis inaccesíbel, poño por caso, as montañas de Novoneyra, as gándaras desleiradas pondaliás, son escenarios humanizados : camiños, hortas, valados, chousas, agras, pequenas leiras, pequenas igrexas, soutos. A arquitectura sentimental, cultural e histórica, que foi medrando cos séculos. No espazo dese lenzo imaxinario que é o poema de Seoane, a figura humana ocupa un espazo e un protagonismo reducido. Homes e mulleres a carón do mar, como antigas estatuas romanas; a esvaida figura dunha muller que algún día viu traballar nunha eira (recorda a aquela muller acobadada nunha cancela, nun poema de Cunqueiro), son a única representación humana no poema. A presenza humana mostra ese protagonismo estático dos elementos físicos da paisaxe, nun mesmo plano que os outros, que son a memoria do fantástico ou marabilloso, mais que conforman ese mundo que o pintor «lembra con ollos ensimesmados». Esa paisaxe, esa arquitectura da alma e da memoria do poema estaba agora nas mans e nos ollos daquel neno que soñaba pintar o que xa estaría para sempre no fondo da súa memoria, lonxana e imarcesíbel.