Xoguetes para un tempo prohibido

Mercedes Rodríguez Fraga A VIVA VOZ

CARBALLO

29 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Como admiradora nata do cine e da literatura do suspense, sempre foi un título que me espertou a curiosidade. O gran Carlos Casares -por fin, a el dedicado o Día das Letras Galegas deste ano-  facía un retrato maxistral dunha xeración revolucionaria, enmarcada no ambiente universitario dos anos 60. Que tempos. Non quero caer no erro de que calquera tempo pasado foi mellor. Pero quen tivese unha máquina do tempo para vivir aquela ilusión, aquelas gañas de cambialo todo, aquela rebeldía con causa. Como dicía o meu profesor de Filosofía, o meu admirado Ricardo Losada, vemos o que queremos ver. Os partidarios do inmobilismo dirían que esta xeración foi un chasco porque polo que será recordada igualmente é pola perda de ilusións e polo escepticismo no que caeron moitos dos seus membros. E non menten. O Elías casariano é un bo exemplo da evolución de moitos compoñentes daquela revolución. Pericia, alcohol, traxedia.

Quen dixo que os cambios eran doados? A pesar de que xa non son unha moza, sinto esa enerxía e esas gañas de mellorar, e quero transmitirlle iso á miña filla. Penso que é a mellor maneira de agradecer o que outros conseguiron para nós. Eu non quero dálo todo por gañado: quero opinar, quero cuestionar e quero protestar se fai falla para conseguir máis e para cambiar o que está mal. Está claro que canto máis te ilusionas máis dura será a caída se non consegues nada. Pero que é a vida sen iso? Acaso é mellor sentarse nun soportal vendo a vida pasar? Como pasa a vida por diante de ti sen que ti pases por ela? Eu quero unha vida con metas, sen importar as pedras que atope no camiño. E sabendo que moitas veces me levarei decepcións, non dubidarei nunca en pelexar polo que quero.

Hai unha frase que vai sempre comigo e que non fai moitos anos escoitei nunha das películas de Batman: “Por que caemos? Para volver a levantarnos”. Quizais isto sexa o máis difícil: non caer na desesperación e no nihilismo como o noso Elías. Pero de ter que caer, mellor facelo por telo intentado. Porque non nos enganemos: nalgún momento das nosas vidas, faremos un balance do que fixemos e do que puidemos facer.

Nunca haberá un tempo prohibido para xogar, para experimentar e, por ende, para acadar novos retos. É tempo de ilusionarse, de preguntarse, de rebelarse … en fin, de vivir. É tempo de rexeitar a anestesia. O gran Casares escribiu sobre Elías pero tamén puido escribir sobre Clara Campoamor ou sobre Rosa Parks. O que conseguiron, hoxe xa son verdades absolutas. Daquela eran mulleres disparatadas, pobres mulleres, soas contra o mundo.   Do que ás veces nos esquecemos é que, en moitas ocasións,  ser diferente é unha bendición. Debemos loitar contra a parálise, contra todos aqueles abandeirados do non plus ultra porque de nós depende o progreso.

O propio Casares, nos anos da transición cara á democracia, participou activamente na reivindicación autonómica e, como parlamentario, traballou arreo para sacar adiante a Lei de normalización lingüística. Si, unha lei que devolvía aos galegos os seus dereitos como tales; unha lei que daba á nosa fala o rango de lingua cooficial e de lingua propia de Galicia. Defender isto poucos anos despois da morte do caudillo … non era tarefa fácil. E, non obstante, aquí estamos. E aínda o que nos queda …

A túa vida, Casares, tivo un decorrer ben distinto ao de Elías. Coñeciches o éxito e o recoñecemento dos teus coetáneos e das novas figuras da literatura. Deixáchesnos demasiado pronto, aínda tiñas moito que contar, como gran escritor, articulista e conversador que eras. Este ano recibes un máis que merecido galardón, seguramente co que soñarías máis dunha vez. Alá onde esteas, grazas polo teu legado e por ser exemplo de loita e modernidade.