«Se me tivese que ir a traballar fóra, unha parte de min quedaríase en Baio»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Ao mozo baiés, de ciencias, gustaríalle dedicarse a algo relativo ao medio ambiente

25 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Músico, actor, estudante e condutor en potencia. O xovencísimo Xandro Calvo (Baio, 2000) teno todo e afirma non sentirse agobiado en canto ao seu tempo. «Ao contrario; sinto que, cantas máis actividades fago, máis aprendo a economizar o meu tempo e a organizar mellor os meus días».

Acordeón en man, Xandro é membro do grupo de música tradicional VintenBaio. Toca tamén a pandeireta dende que era ben cativo e comezou hai uns anos a estudar piano ao carón da Asociación Pepe Valiña de Baio. «Polo tema dos estudos non me planteo agora comezar no conservatorio; pero, quen sabe, algún día igual me animo».

Tamén forma parte do grupo dramático Teatrófilos, do Maximino Romero de Lema, instituto no que emprenderá segundo de bacharelato o próximo curso. Sinala que interpretan tanto obras dramáticas, como cómicas. «Aínda que incluso a obra máis triste ten o seu punto cómico, para que a xente se poida botar unhas risas. Apunta que «facer rir ao público é máis sinxelo que facer chorar ou transmitir pena». Lembra mesmo estar inmerso unha escena dramática, na que interpretaba ao fillo dun finado. «Na miña actuación intentaba dar pena e a xente, en vez diso, ríase de como choraba!». Os dramas, di, deben ter unha gran calidade tanto en texto como en interpretación para chegar ao máis fondo dos espectadores.

En Baio, quen máis e quen menos o viu algunha vez montado no seu cuadriciclo, que leva conducindo dende fai un par de anos. «O coche mercárao o meu avó e, cando fixen 15 anos, animáronme a sacarme o carné para poder así ter algo de autonomía», sinala Xandro. «Non só me serve para ir ás actividades ou facer recados, senón que agora no verán, cando vou a algunha festa, podo irme á hora que queira sen necesidade de esperar a que se vaian os meus compañeiros, sen chamar a un taxi e sen espertar a meus pais”, engade. Con el -co que fixo xa uns 8.000 kilómetros- mesmo chegou a visitar á súa familia paterna en Guitiriz. «Unha hora e cincuenta minutos me levaría, non máis», apunta.

Cada ano, na procesión motorizada das festas de San Cristovo de Baio, é o centro de todas as miradas coas elaboradas creacións coas que engalana o seu vehículo. Os traballos de decoración comezan a xornada antes da festa, coa elaboración do deseño e a busca dos materiais a empregar. Este ano presentou unha complicada creación na que miniaturizaba a procesión baiesa no capó do seu coche. «Na víspera comecei a construír as casiñas e ir pegando pouco a pouco todos os elementos. Xa no mesmo día levanteime ás 6 da mañá para colocar todas as flores». Para tan elaborada obra de arte empregou multitude de materiais: «Empreguei moito millo, que peguei gran a gran nos tellados das casiñas, tamén pintura, pedras pequenas e moita silicona para que todo quedase ben unido e non se despegase nada”.

Ademais de implicarse en multitude de actividades sociais e culturais, garda tamén tempo para os estudos e ante a pregunta de se prefire ciencias ou letras, responde un contundente «ciencias, por suposto». Pese a non saber aínda a carreira que estudar unha vez finalizado o segundo curso de bacharelato, sabe que lle gustaría «estudar algo de medio ambiente en Lugo, porque me gusta moito a natureza». O que ten claro é que non lle gustaría ter que irse da súa terra para traballar ou estudar. «Se me tivese que ir fóra a traballar, unha parte de mín quedaríase en Baio. Aínda non mo plantexei, e espero non ter que facelo», recoñece.