As Festiletras do Couto crecen pola 41.ª edición

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

O Mercado da Deputación, as acampadas e a gastronomía son algunhas das novidades deste ano

23 ago 2023 . Actualizado a las 21:47 h.

Xa non queda nada para a 41.ª edición das Festiletras do Couto. A celebración estenderase dende o 1 de setembro ata o día 3 dese mesmo mes, aínda que algunha actividade xa botará a andar dende o próximo luns. Promove a Fundación Eduardo Pondal, co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Concello de Ponteceso e dunha longa listaxe de colaboradores que enumerou o xerente da fundación, Xosé María Varela, na presentación do cartel. Esta celebrouse este mércores, na aldea do Couto, facendo partícipes á rapazada da Escoliña de Verán, moi numerosa. Ata alí desprazáronse o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; a responsable de Cultura do goberno provincial, Natividade González; o rexedor, José Manuel Mato, e a asesora de alcaldía, María del Pilar Rioboo.

Todos eles destacaron a boa e longa traxectoria do festival, augurando un gran futuro á que xa é, nos últimos anos, unha dobre celebración das Letras Galegas, como lembrou Regueira. Tanto Valentín García como Natividade González resaltaron a potenciación do galego que nela se fai, mentres que o alcalde lembrou o labor de Xosé María Varela por dinamizar as aldeas dende que el mesmo era cativo. Todos puxeron o Festiletras de exemplo de «milagre» a imitar en moitos máis lugares do país.

BASILIO BELLO

Xa metidos de cheo na completa programación para as vindeiras xornadas, Xosé María e o seu fillo Adrián (descendente, xunto a Uxía, aos que o xerente lles dedica a presente edición por seren a súa «cadea de transmisión», dixo) avanzaron as principais novidades. Os concertos serán nunha nova localización, a eira de Pontedona. Entre eles sobresaen o da banda burgalesa Fetén & Fetén, con Rozalén, cantante de Albacete, como artista convidada. O músico coruñés Xabier Díaz «non virá só», recalcaron. Dende a organización tamén fixeron fincapé na formación Throes + The Shine, unha mestura africana e portuguesa, e en Eskorzo, «a novidade do momento». O Mercado da Deputación, presumindo dos produtos, de todo tipo, da provincia, será a primeira vez que se leve a cabo no Couto: no xardín de diante da fundación. A zona traseira estará reservada ás acampadas, para as que se incrementan os servizos: duchas, baños e espazo de almorzo. Tamén haberá unha gran área de gastronomía na praza.

BASILIO BELLO

A actuación de Pakolas, coa súa guitarra, e un aperitivo puxeron o peche á presentación, ao aire libre, nunha mañá soleada. Antes houbo tempo para coñecer e facer a preestrea da intervención realizada con madeira de pino no interior do cabanote da fundación por parte do veciño Sergio Ousinde e seu pai. Alí leron un conto os cabaneses Tamara Lema e Yago Espasandín.

BASILIO BELLO

O programa, en detalle

Dende o próximo luns. Arte con Nove Noel e Isaac Cordal.

1 de setembro. Mercado da Deputación e feira de artesanía (ata o día 3), Monicreques Alakrán, María Canosa, concerto didáctico con Pablo Díaz & Olga Kirk, Paco Nogueiras, Anxo Moure & Irma Macías, xogos e obradoiros a cargo de Miudiño, gastronomía con Terra Atlántica, pasarrúas a cargo de Pulpinño Viascón-Trikimachín, Julia de La Cal (proxecto de cestería), obradoiro de txalaparta con OreKa TX, Voamos os Drons con Xacobo de Toro, Cé Orqestra Pantasma, documental Que din os rumorosos, concerto de serrucho de Pulpiño de Viascón, Pakolas en concerto, encontro interxeracional Que o conten elas con visionado de mini vídeos, recoñecementos e concertos de Momboi, OreKa TX e Fetén & Fetén (artista convidada Rozalén).

Sábado 2. Aldeas singulares, banda de gaitas Inllar, Os Quinquilláns, Blues do País, Xa Era Hora, Mini e Navia Rivas, Amorante, Faíscas da Pontraga, Lucía Aldao, Bestas e concertos de Moura, Catuxa Salom, familia Caamagno, Eskorzo e Throes + The Shine.

Domingo 3. Os Viqueiras de Ordes, Teté Teatro (por partida dobre), Os Farrapos (repiten), Tandub, Lamatumbá, Berlai, Mozos de Donaire e en concerto Mallou e Xabier Díaz e amigxs.

*Entradas diarias, 10 euros.