«Achegámonos á ritoloxía galega dende outra mirada, como patrimonio, sen xuízos de valor»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Caamaño & Ameixeiras traen hoy a Malpica su nuevo disco
Caamaño & Ameixeiras traen hoy a Malpica su nuevo disco

Caamaño&Ameixeiras vén de lanzar o seu segundo disco, «Quitar o aire». Elas serán este mércores o único grupo galego no concerto de apertura da Womex, o máis importante encontro mundial de música folk e de raíz

29 dic 2023 . Actualizado a las 20:18 h.

Difuntiños todos, do mar e da terra, do mundo enteiro, dádelle o aire de vivo a este enfermo, e tomade o de morto, que de morto non hai conforto...

Xa está na rúa. Unha sala Capitol chea acolleu este pasado domingo o concerto de estrea e presentación do segundo disco de Caamaño&Ameixeiras: Quitar o aire. Un traballo conectado coas raíces, con sete das nove pezas procedentes de recollidas (9 non é un número casual), e todas elas cun fío en común, o afondamento na ritoloxía popular galega. O loito, a cura, os amores, os exorcismos, o sexo. Quitar o aire é un disco que sanda. Cantado, con sonoridade máis escura que o primeiro, visceral, poderoso, explorador de novas sonoridades tamén para os seus instrumentos, violín e acordeón. Falan Sabela Caamaño (Oza dos Ríos) e Antía Ameixeiras (Baio-Laxe) deste novo traballo e de como corren os tempos para a tradición e para os proxectos que lle dan a esta unha volta persoal e contemporánea. Melodías que foron imaxinadas para ser bailadas mirándose aos ollos nunha noite de foliada ou ritmos que buscan un trance que baixe as pulsacións do corazón para poñerse espirituais. Velaí o contido deste segundo disco de Caamaño & Ameixeiras en palabras do seu produtor, Hevi. 

-Como quedaron logo do concerto?

Antía: Foi moi guai, quedamos con moi boas sensacións. 

Sabela: Aínda estamos de resaca emocional. 

-Máis alá dos días de despois do concerto, xa levan sendo xornadas de acollemento dende que puxeron en prevenda «Quitar o aire». 

Antía: Estamos moi contentas coa acollida do público, temos a sensación de que a xente entende este disco como unha evolución en positivo, como así o sentimos nós tamén. Un paso adiante na nosa carreira. 

-Este mércores comeza na Coruña a Womex,a World Music Expo, o máis importante encontro mundial de música folk e de raíz. Vostedes serán o único grupo galego no concerto de apertura. Todo un reto, ¿non?

-Sabela: Estamos contentas e emocionadas, todo á vez. É un momento bastante importante na nosa carreira, daranos a oportunidade de ter unha visibilidade moi grande, e ademais está o de actuar no Palacio da Ópera, que a min me fai ilusión por ser da Coruña. Son de Oza dos Ríos, pero A Coruña é a miña cidade de referencia, por estudar alí, por ter alí rede... Aí está, tamén, o feito de compartir escenario con músicos e músicas que admiramos...

-Antía: Eu son súper fan, por exemplo, de Tartar Elena. Estamos contentas por esa parte e tamén polas posibilidades que a Womex pode traer. Ao final somos un bo grupo para poder saír fóra, somos un dúo, fácil de mover, xogamos con esa carta a favor para poder ter unha feira coma esta en positiva. Tocaremos diante de mil programadores de todo o mundo e teremos quince minutos para convencelos... [ri]. 

-Só quince minutos?

-Sabela: Será a nosa oportunidade de ouro, si [ri]. Esperamos poder aproveitala ben. Logo deses nosos quince minutos tocaremos tamén todos xuntos unha peza. A maioría do que nós levaremos será do novo disco, aínda que tamén haberá unha peza do anterior. 

-O primeiro disco era «Aire» e o segundo «Quitar o aire». Hai algunha conexión entre os títulos?

-Sabela: Facíanos graza ese xogo de palabras, pero nada máis alá. O de quitar o aire vén pola ritoloxía que está detrás de todo este disco, e de feito a idea inicial era facer todo este traballo en torno a este rito, bastante intrincado nas nosas familias, moi extendido pola Costa da Morte. Queriamos falar diso e reflectir unha parte de todo ese mundo que nos parece moi fascinante, pero estudando o tema, investigándoo co antropólogo Rafael Quintía, démonos conta de que o de quitar o aire era só a punta do iceberg. Había moitas máis cousas tamén interesantes, e ao final ampliamos a toda a ritoloxía. 

-Centraron esa investigación na Costa da Morte?

-Con Rafael investigamos a nivel Galicia, lemos moito. Saiamos de cada reunión cunha morea de libros. Fomos a arquivos, ao Museo do Pobo... Foi unha investigación musical e antropolóxica, achegándonos despois tamén ás fontes máis achegadas. A avoa de Antía é quen di o ensalmo ao final da peza Quitar o aire [son parte das liñas iniciais desta entrevista]. 

-Cren que ese mundo na Costa da Morte segue máis vivo do que inicialmente pensaban?

-Antía: Eu diría que non segue moi vivo, sobre todo nas novas xeracións. Xa case ninguén fala diso, pode que aquí na nosa comarca si [falan de «nosa comarca» porque o pai de Sabela é de Carnota], pero fóra dela apenas se sabe que é quitar o aire [o aire do defunto ou mal da sombra]. Sentimos que houbo unha ruptura, que igual a xeración dos nosos pais quixo deixar isto atrás, tamén entendo que era preciso tendo en conta a ciencia. Pero a nós pareceunos moi bonito recuperar todos estes ritos, é un patrimonio valiosísimo, xa non vivimos nesa cultura, pero queriamos redescubrila. 

-Sabela: Eu creo que a nosa xeración superou ese rexeitamento por considerar que era algo ignorante, ou de superstición, algo que había que superar en base ao pensamento científico. Nós imos un punto máis alá, de achegarnos a todo isto dende outra mirada, valorándoo como patrimonio, sen xuízos de valor, tendo en conta que forma parte da nosa cultura, algo interesante, unha riqueza. 

-E usaron esa ritoloxía como inspiración e logo agromaron letras. 

-Exacto, algunha letra é orixinal, pero a maioría compostas. 

-Que as levou a querer afondar no mundo dos ritos?

-Antía: Unha casualidade. Unha noite estaba falando cun amigo e medio en risa díxome: 'Eu non sei se ti terás o aire'. Comenteino con Sabela, a ela tamén lle chamaba moito a atención este tema, dixemos que estaría ben facer algo ao respecto... E así foi. 

-Sabela. E eu quixen vivilo en primeira persoa. A min quitáronme o aire. 

-Como as recibiu esa xente que aínda conserva ese legado? Tiñan recelo de compartilo?

-Antía: Xenial, de feito a Lola da Mandela, que segue co legado da sogra e mantendo ese alcume, invitámola ao vir ao concerto na Capitol. Ía facer un rito de diagnose cando rematase, pero ao final non puido vir. 

-Sabela: Facíalles ilusión que xente nova valorase todo isto, acostumadas ao mellor a que haxa máis escepticismo. Ver que o valorabamos gustoulles. Porque ao final isto era parte da vida os nosos ancentros. Os recursos antes eran máis limitados e había que botar man do que houbese dispoñible, e iso ao final é un patrimonio de transmisión oral, sobreviviu a moitas xeracións. 

-Din de «Quitar o aire» que foi un disco traballado, rido, moi sufrido. Unha catarse. Xa saíron á flote?

-Antía e Sabela. Cremos que si, era como que aparecían cambadelas todo o tempo, foi unha carreira de obstáculos que fomos superando. E din que o que non mata che fai máis forte. 

-Á marxe de Hevi, produtor, esencial tamén no disco, hai algunha colaboración. 

-Antía: Menos ca no anterior, porque queriamos que fose máis persoal, máis noso. Si invitamos, por exemplo, á Escola do Alprende, de Carballo. Estabamos un día na rúa, era entroido, e escoitámoslles unha peza que nos fixo achegarnos, e iso que estabamos algo lonxe. Atrapounos. Falamos con eles, preguntámoslle de onde saía, dixéronnos que a recolleran a unha señora de Razo... E fixémola xuntos. 

-Comparten esa filosofía de que a maneira de conservar a tradición é vivíndoa, sentíndose parte dela. 

-Antía: Fano moi ben, son un exemplo con todo o traballo que están facendo. Din que agora non se recolle nada xa, pero eles desenvolven un traballo impresionante na zona de Bergantiños. Si que sigue habendo tesouros nas súas aldeas. 

-Con Aire percorreron moitas cidades, países. Como lles gustaría posicionar a súa música no mundo?

-Sabela: Levamos o local con moito orgullo, cremos que o local é universal, a música de aquí pode gustar en calquera parte do mundo. Cremos no proxecto e ao final, cando lle pos alma a algo, sae adiante. 

-Que virá logo da Womex?

-Xa hai cousiñas, estes días publicaremos nas redes a xira para os vindeiros meses [Antía tamén se encarga das redes sociais, Sabela confésase boomer neste aspecto]. Obviamente non será coma no verán, pero algo hai...

-Buscan novas sonoridades con violín e acordeón e mesmo coas voces. Atoparon moitas voces puristas que lles dixesen que o que fan non é correcto?

-Antía: Non, tampouco creo que nolo dixesen directamente [ri]. Intentamos quitarnos todos os prexuízos. A veces saía algo co violín e tanto Hevi como Sabela dicían que iso estaba moi ben, pero eu dicía que non, que estaba mal. Que calquera violinista sabería que estaba mal... 

-Sabela: Custa superar esa mentalidade máis purista, de facer as cousas como se supón que a xente espera que as fagas. Cando fas algo arriscado sempre tes medo, e honestamente sempre vai haber xente á que non lle guste... Pero se ti cres no que fas, responde a algo de peso, e tomas decisións con fundamento, funcionará. Haberá quen bote de menos a sonoridade do disco anterior e haberá quen conecte con nós por esta nova experimentación...

-Nada é definitivo.

-Sabela. Eu creo que non hai que ver a carreira dun músico como algo liñal. Ao final inflúen moitas cousas, as circunstancias persoais, o que queiras contar... É algo moi visceral, o que creas está conectado a ti. 

-Antía. Depende das túas experiencias, de como o vivas... 

-Caamaño&Ameixeiras nace no 2018. Pasaron poucos anos, pero viviron xa moitas cousas. Cren que están nun momento doce da súa carreira?

-Sabela: Gústanos pensar que imos crecendo. Sabemos que non facemos música de masas, que non vai haber un bum, nin saír en todos os medios, nin encher estadios. 

-Antía: Imos dando pasos pequenos, pero seguros. 

-Como de cómplices son musicalmente?

-Antía: No musical sempre pensamos o mesmo e estamos dacordo. 

-Sabela: É incrible, co diferente que somos, o ben que nos entendemos na música. Antía es mi match.