Lanzada Calatayud: «Hai que vender o relato da fin do mundo, da espiritualidade, da alma»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Asesora técnica da Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía, considera que non se pode falar de sustentabilidade se non se implica á poboación local

05 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Filóloga de formación, a súa experiencia no departamento de cursos de español para estudantes internacionais (USC) acabaríaa introducindo no «apaixoante» mundo do turismo. Logo diso veu un máster de especialización, a xerencia do Consorcio de Turismo de A Coruña e, dende hai un ano, a súa propia consultora ética de turismo sostible e gastronomía. Lanzada Calatayud vénse encargando dende hai uns meses de asesorar á Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía, que a pasada fin de semana promoveu un foro de internacionalización do itinerario no que participaron expertos, divulgadores, empresarios ou técnicos locais.

—Moito se fala ultimamente de sustentabilidade...

—Co moito que se emprega esa palabra, estráñame que non haxa nenas que se chamen xa «María de la Sostenibilidad» [ri]. Todo o mundo a utiliza nos seus discursos, pero normalmente só dende o punto de vista medioambiental, cando para min é esencial a implicación social, da cidadanía, da comunidade, para que algo sexa sustentable. Iso é algo que quixemos introducir no foro, pois moitas veces organízanse este tipo de actos só para un público máis experto, pero no noso caso pretendíamos que a propia comunidade local se implicase.

—Ten traballado xa en asuntos do Camiño, ou foi esta a súa primeira aproximación ao tema?

—A miña vinculación co Camiño comezou hai 12 ou 13 anos, cando estaba cos cursos de español para estudantes estranxeiros. Topeime con asociacións internacionais [do Camiño] que nolos demandaban e foi toda unha sorpresa coñecer o traballo altruísta que levan a cabo para promover o itinerario. Por iso insisto sempre na internacionalización e no interesante que é o peregrino estranxeiro, tanto polo seu impacto económico como polo social. Soe ser unha persoa que fuxe da masificación, que está interesada no ADN do territorio e no seu patrimonio material e inmaterial e, normalmente, que é respectuosa co seu entorno.

—Hai quen critica que se vexa ao peregrino como unha mera fonte de ingresos: que se estea perdendo a esencia, dalgún xeito.

—Ao longo do foro tamén se abordou ese concepto: que se vexa ao peregrino como un turista máis e que se perda esa esencia pola excesiva mercantilización. O certo é que eu tamén son un tanto crítica cos máis «puretas». Os peregrinos, como concepto, son turistas, veñan polo motivo que sexa. E se se lles trata ben na súa experiencia na comarca, volverán. Un fenómeno como é o Camiño é normal que desenvolva empresas, actividade e ingresos ao seu arredor. Para min máis salientable é o problema da falta de planificación: que se promova excesivamente en certos períodos do ano, como é o verán, cando debería ser un fenómeno global.

—Tratar ben ao peregrino... con calidade. Por aí hai que tirar?

—Así é, e expertos que pasaron polas xornadas falaron diso. Énchesenos a boca falando de cifras récord de camiñantes, pero non sabemos nin que tipo de peregrino é, nin que impacto deixa, nin cal é a súa experiencia no territorio. Para moitos é unha viaxe especial e hai que coidar que a siga sendo, ao máximo nivel.

—Ao longo do foro saíron cuestións como a intelixencia artificial. Hai oco para ela ou pesarán máis os conservadores do Camiño?

—Tan respectable é que un camiñante faga 1.000 quilómetros a pé como que percorra só o último tramo, que o faga con mochila ou sen ela, ou que decida ir sen móbil ou levalo e empregalo para buscar información ou para sacar fotos. Como destino, creo que coas tecnoloxías si temos unha oportunidade para chegar mellor e para dar a coñecer máis oferta.

—Cal cre que é o papel da Administración local nisto?

—A parte pública é fundamental, sobre todo se levan a cabo unha boa gobernanza. Volvemos á sustentabilidade, unha vez máis. Levo pouco tempo traballando con esta entidade, pero teño que dicir que me topei cuns alcaldes e alcaldesas moi implicados na promoción do Camiño. Tamén creo que sería interesante, xa que hai varias asociacións do eido do Turismo que traballan na Costa da Morte, que colaborasen por uns obxectivos comúns. E en canto á parte social e empresarial, neste foro déuselle voz para que puidesen explicar os seus proxectos, iniciativas... Falamos, por exemplo, cunha doutora que abriu en Negreira unha consulta relacionada co turismo de saúde, e con técnicas que nos explicaron sobre o patrimonio literario de Santiago, a tradición baleeira de Cee, o atractivo relato do Vákner en Dumbría ou a hospitalidade de Fisterra.

—Xa que fala do turismo de saúde, no Parador de Muxía teñen tratamentos só para peregrinos.

—Ese tipo de relatos son os que poñer en valor! Balnearios con propiedades medicinais haberá moitos, pero nun espazo privilexiado como ese, e cunha tradición do Camiño como a que temos... Hai que vendelo. Espiritualidade, curación da alma, fin do mundo...