Rubén Lorenzo: «Vemos que a xente non quere para Galicia ese barullo que hai en Madrid»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

«Esta lexislatura será a da circunvalación e a ampliación do polígono», di o carballés, candidato do PP (número 13 por A Coruña) ao Parlamento

16 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Rubén Lorenzo Gómez (1982) é o voceiro da oposición no Concello de Carballo desde o 2019 e incorporouse ao Parlamento de Galicia en setembro do ano seguinte. Hai catro anos foi no posto 16 e conseguiu ser deputado e agora está no 13 pola provincia de A Coruña.

—Como valora a pouca marxe das enquisas?

—Positivamente porque o peor que nos podía pasar sería relaxarmos, pensar que está feito. Ter unha maioría absoluta hoxe en día non é nada fácil. Por un lado é certo que estás con esa tensión de intentar acadar o obxectivo que é sacar esa cifra, pero, por outro, eu son de ver o vaso medio cheo e creo que é unha mensaxe para poñer en alerta a todo aquel que non queira que haxa un cambio en Galicia porque iso suporía unha coalición de partidos que non son quen de poñerse de acordo nin quen vai debater no seu nome como para formar un goberno.

—Esa coalición xa a vimos?

—Do año 2005 ao 2009 xa tivemos un bipartito. Está claro que os galegos e as galegas en canto tiveron oportunidade de volver ao sentidiño o fixeron e dixeron que non estaban de acordo para nada co xeito que tiñan de gobernar. A diferenza que temos agora é que ao mellor non son dous sós, senón tres ou incluso catro que se teñen que xuntar para cumprir o seu obxectivo que non é outro que non goberne o PP. O proxecto de Galicia aínda non sabemos como é.

—Como vai a campaña?

—Tomeina con moita ilusión e moitas ganas máis se cabe que a primeira vez nas autonómicas porque agora estou como máis inmerso. Daquela colleume un pouco de sorpresa, moi agradable porque foi un orgullo representar a Bergantiños e a Costa da Morte estes anos, pero agora que estou máis empapado da política, que xa lle dedico ao 100 % do meu tempo estouno vivindo con moitísima máis intensidade e dando todo. Percibimos que hai moitísima preocupación polo que pode vir. Vemos que a xente non quere para Galicia ese barullo que hai en Madrid.

—Temen a abstención, que a xente está cansa de votar?

—Eu levo desde o ano 2019 en política e botei a conta das campañas que levo e van sete xa. Si para alguén que está na política tódolos días pode ser canso en certos momentos, imaxina para a xente, que está un pouco perdida coa situación que temos agora. Un dos nosos obxectivos nesta campaña foi transmitirlle a xente a gran importancia que ten esta cita electoral. Estámonos xogando o futuro de Galicia e tamén temos que mandarlle a mensaxe ao Goberno central de que non queremos aquí ese barullo e esas liortas. Queremos seguir sendo esa illa de estabilidade e tranquilidade e creo que os galegos van apostar por un Goberno de Alfonso Rueda, que o único que quere é poder seguir traballando a partir do día 19 de febreiro.

—A experiencia no Parlamento axuda no traballo destes días?

—Diría que si, pero máis aló da miña experiencia persoal, eu creo que nos fai estar máis apegados á realidade. Creo que estar no Parlamento é unha oportunidade para o territorio non só para min persoalmente senón para a comarca de Bergantiños porque é unha vía de comunicación directa co lexislativo e tamén coa Executivo, coa Xunta.

—Que ten pensado para Carballo e o resto da zona?

—Fago autocrítica e son consciente dos compromisos que están pendentes con Carballo e coa comarca. Estanse facendo proxectos importantes, avanzando a moi bo ritmo con algúns que son vitais para Carballo. Esta lexislatura será a da circunvalación e da ampliación do polígono, pero tamén temos sobre a mesa, logo de que o PP executase os 27 quilómetros libres de peaxe, o compromiso de continuar con unha vía de alta capacidade ata Vimianzo.

A quiniela de Rubén

41 PP 21 BNG 13 PSOE