Antonio Riveiro, ferraxería El Sabio: «Un robot fai un céspede máis verde e aforra auga»

C. Viu CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

Especial fogar e decoración na Costa da Morte | O sétimo establecemento que esta cadea de ferraxerías abriu en Galicia (neste caso, en Coristanco) ofrece o preciso para gozar da casa e o xardín

21 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio Riveiro é o responsabe da ferraxería El Sabio de Coristanco, aberta en setembro do 2022 e a sétima da cadea que o grupo Internaco ten en Galicia. Neste establecemento pode verse un robot capaz de cortar o céspede nunha superficie de 80.000 metros cadrados. É un dos dous que hai na provincia. É da marca Husqvarna dos que hai para terreos a partir de 600 metros cadrados.

—Como funcionan?

—Son totalmente autónomos. Podes programalo e sae e retírase á hora que lles tes indicada. Ter un xardín é un luxo e agora non tes que facer o traballo físico, nin tes que pagar alguén para que o manteña. O aparello para cortar o céspede tradicional vai desaparecendo. O 60 % da xente xa vén preguntando directamente por un robot porque ademais fai un céspede máis verde e aforra auga. Está no presente, recicla.

—Tamén?

—É polo sistema de corte. Cada 24 horas hai un brote de herba e ese trociño está formado por un 85 % de auga e un 15 % de materia e todo iso retorna á terra. Antes a xente sempre se preocupaba pola recollida da herba para almacenala. O ideal era a fabricación de compost para poder abonar. O robot fai iso ao mesmo tempo que mantén a humidade.

—Está aumentando o interese polos xardíns como un espazo importante da casa?

—Cada día hai máis interese. É un espazo no que poder descansar e gozar, para estar tranquilo. Nótase o retorno da xente que estaba na cidade, montan tamén unha pequena horta. O certo é que a pandemia foi un antes e un despois.

—Teñen materiais para a horta?

—A parte do robot temos os complementos necesarios para todo tipo de espazos. Podemos ofrecer desde unha tesoira para o buxo ata unha máquina a presión para limpar muros ou piscinas.

ANA GARCÍA

—Que quere a xente para estar no xardín?

—A xente quere comodidade, cousas que non dean traballo, que sexan fáciles de limpar e alcanzables de prezo. Aos clientes gústalles cambiar os mobles de xardín cada cinco ou seis anos, facer unha renovación.

—Agora é precisamente o momento de facelo.

—Contamos con que o arranque da campaña sexa a Semana Santa, pero xa empezaron a facer consultas sobre pérgolas, cadeiras, sofás, mesas...

—Hai modas?

—Si, pero a xente busca cousas sinxelas, lisas e sen estridencias e boas de manter, que lle quites a funda, a leves a lavar e en dúas horas o teñas todo seco e listo para volver a poñelo. Temos todas as medidas para que lle encaixe ao cliente. En canto a cores, agora vén bastante o antracita. Esta é a proposta dos fabricantes e haberá que ver se funciona nesta zona.

—E se a xente prefire outra cor?

—Non hai problema, se non lles gusta a que hai na exposición podémoslles facilitar o que queiran en cor, medida, formas...

—Agora que vén o bo tempo tamén se valoran moito as terrazas.

—Ademais do mobiliario temos desde xardineiras ata sistemas de limpeza e mallas de ocultación, para o caso de que queiras intimidade.

—Ao aire libre faise moita vida, o que tamén implica comer.

—Para iso temos os asadeiros, as que máis se venden son as tradicionais, con carbón, pero temos outros sistemas, como forniños, precisamente para terrazas, e tamén con bombona para facer paellas, que tamén é moi de verán. Trátase de que a xente poida facer vida ao aire libre coas mesmas comodidades que ten na casa. Despois de traballar todo o día o mellor é relaxarse, descansar e desconectar.

ANA GARCÍA

«O ideal é mellorar a calidade de vida dos clientes»

Na ferraxería El Sabio tamén teñen todo tipo de elementos para o interior da vivenda, sobre todo pequenos electrodomésticos e todo tipo de complementos e ferramentas.

—Que é o máis demandado?

—Os robots de aspiración. Hai unha gama moi ampla en función do espazo e tamén de como se queira manexar. A maior parte destes aparellos pódense controlar desde o móbil, pero tamén hai outros que simplemente teñen un teclado, non van con aplicación.

—Os robots están en todas partes, dentro e fóra da casa. É pola comodidade, para facilitar a vida?

—O ideal é mellorar a calidade de vida dos clientes, que podan gozar da súa vivenda por dentro e por fora.

—A cociña é, para moitos, o centro do fogar. Teñen os complementos necesarios ?

—Temos todo tipo de útiles como tixolas, perolas, olas, pero tamén pequenos electrodomésticos que son precisos para facer a comida, ademais de moldes para repostería e cubertos. Temos moitas opcións para que a xente poida cociñar de forma cómoda.

ANA GARCÍA

—É para o baño?

—Tamén temos todo tipo de útiles, desde billas ata pantallas de ducha e outro tipo de complementos.

—Tamén hai modas?

—A maior parte dos nosos clientes veñen para renovar billas e piden algo semellante. Nas obras novas si que se nota que houbo cambios nas modas. Cando alguén quere facer de novo o baño, por exemplo, si que piden cousas distintas como o acabado en negro que se está a poñer bastante.