Mulleres suízo-galegas

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

Monumento ao emigrante ante a Casa da Cultura de Vimianzo
Monumento ao emigrante ante a Casa da Cultura de Vimianzo José Manuel Casal

22 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando se fala de que media Costa da Morte está feita das divisas que viñan de Suíza, a cabeza váisenos para os homes, pais de familia, homes traballadores en definitiva. Pouco se fala das mulleres, que gañaban igual ca os homes, que traballaban nas mesmas fábricas e que, ou ben coidaban adicionalmente dos fillos, ou ben tiñan que deixalos a moitos quilómetros para gañar o pan de cada día.

Isabel, unha boa amiga, díxome que escribise un artigo sobre esas mulleres que levantaron a patria sen recoñecemento algún. Homes que traballaron en Suíza moitos, pero mulleres unha boa chea. Curiosamente, verán tras verán sentíase esa mesma sensación na gorxa, en Suíza eran os españois e en Galicia os suízos. Emigrar tan lonxe non é só un traballo, é unha carga emocional fortísima. Cáusame sensación que hai miles de homenaxes para persoas con nome e apelidos, mais poucos cariños para colectivos que axudaron a prosperar á nosa comunidade. Curioso como en Suíza as irmandades reivindican a bandeira, o sentimento e máis a fala galega. En troques, eiquí esquecémonos de agradecerlle a tódalas nais, avoas e mullerazas que sostiveron o peso do progreso sobre as súas cabezas.

Este é un espazo reducido, apenas mil setecentos caracteres que dan unha pequena xanela de respiro. Hoxe, vai a miña homenaxe particular a aquelas que deixaron suor e bágoas no país helvético. Amateur e costumista, pero un pequeno agarimo para as anónimas, as que non saen nos libros de texto, nin nos xornais, nin nas revistas. Aquelas que dende as institucións non son máis ca un número cando retornan. Grazas por facer país. Ninguén é profeta na súa terra mais hoxe si. Por Isabel, por todas elas.