Unha viaxe pola Costa da Morte a través da poesía de Pondal

P. b. m. CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

Moncho Fuentes

Os xardíns Méndez Núñez acolleron a presentación da obra «Esta é a terra dos eidos amigos», de Manuel Ferreiro

17 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Así como non se pode entender a Terra Chá sen a obra de Manuel María, nin O Courel sen Novoneyra, este territorio recollido no libro é o trasunto do propio Pondal». Estas foron onte algunhas das palabras de Manuel Ferreiro, o maior estudoso do bardo, durante a presentación nos xardíns Méndez Núñez da Coruña da obra por el artellada e titulada Esta é a terra dos eidos amigos. Escolma xeográfica da poesía pondaliana. Editado pola Deputación da Coruña, xustamente neste 2017 no que se conmemora o centenario da morte de Eduardo Pondal, o libro ofrece un viaxe a través de 84 poemas por catorce municipios: Ponteceso, Cabana, Carballo, Laxe, Malpica, Coristanco, A Laracha, Mazaricos, Santa Comba, Zas, Camariñas, Muxía, Tordoia e Dumbría.

«Este territorio recollido no libro é o trasunto do propio Pondal»

Diante do busto que lembra ao autor nos xardíns coruñeses, Ferreiro afirmou tamén que se a obra «é unha antoloxía dos poemas en que Pondal fai presente o seu territorio, nomeando os topónimos de ríos, montes e outros espazos, destacando o patrimonio cultural e histórico». Foi aínda más alá, ao expresar: «Pondal elaborou unha obra en defensa da súa patria e dos seus compatriotas e centrou o foco en Bergantiños, Xallas, Soneira e parte da Costa da Morte, escollendo as súas terras nativas como metonimia de Galiza enteira».

Chegará a todos os concellos

Xa que logo, son 84 poemas para viaxar dende o papel por lugares, ríos, montes, costa e monumentos megalíticos. Axuda ben a cartografía obra de Rocío Romar, profesora natural de Fornelos (Baio). Xa nas Festiletras do Couto, onde foi presentada a obra recén publicada, se tiña recoñecido orgullosa de ter participado facendo esta achega da súa terra. Como herdeiros e veciños de Pondal, dixo, hai que tratar de conservar os topónimos daquel seu tempo, seguirllos transmitindo aos máis novos e pequenos.

A Manuel Ferreiro acompañárono onte na Coruña a vicepresidenta e responsable da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación, Goretti Sanmartín, así como o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo; o de Mazaricos, Xoán Xosé Blanco; o de Zas, Manuel Muíño, tamén deputado; o tenente de alcalde da Laracha, José Ramón Martínez Barbeito; o concelleiro de Carballo e deputado Xosé Regueira; a concelleira de Cultura de Tordoia, Manuela González Pallas, e o concelleiro de Educación en Ponteceso, Carlos Penedo, así como o xerente da Fundación Pondal, Xosé María Varela. «Queriamos que a obra fose divulgativa e que se espallase por centros sociais e bibliotecas, de maneira especial nos catorce concellos citados, mais que se distribuíran tamén por todo o país», sinalou pola súa banda Goretti Sanmartín. «Xunto con Rosalía e Curros son os tres nomes principais aos que lles debemos a recuperación da lingua e a literatura a comezos do século XIX e, neste obra, apréciase o seu amor pola lingua e o noso patrimonio», engadiu. Para Sanmartín, Esta é a terra dos eidos amigos non só supón un achegamento da xente á obra de Pondal, senón tamén «aos territorios que el tripou e ao noso patrimonio». É por iso que, segundo avanzou, decidiron enviar os libros a todos os concellos, para así contribuír á súa difusión: «Cen anos despois da súa morte vemos que a súa palabra fica, a súa mensaxe visual que vén en forma de xeografía da terra, dos lugares queridos».