Santa Mariña do Riomuíño, en Corcoesto: un enigma toponímico

Juan Félix Neira Pérez

CABANA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

25 jul 2017 . Actualizado a las 20:41 h.

Malia ser moitas as capelas ou ermidas da Costa da Morte varridas polo paso do tempo, outras manteñen a súa vitalidade, aínda que só sexa un día ao ano, polo ambiente festivo que suscitan. Que sería do verán sen romarías e merendas? Algunhas, como a de Santa Mariña do Remuíño de Corcoesto, parecen gozar de boa saúde, e iso que non sempre o seu futuro estivo garantido.

Os documentos parroquiais acreditan no século XVIII a Santa Mariña cabanesa viviu en precario. En 1726, a freguesía de San Pedro de Corcoesto foi sometida a unha rutineira visita pastoral, na que se rexistraron tres capelas: «Nuestra Señora de la O, Santa Marina y Santa Margarita, estas dos en sus ermitas, muertas sin renta alguna y que al presente están vacas [vacantes] y sin capellán». Vinte e sete anos máis tarde, en 1753, outra «santa visita» sinala que as capelanías de Santa María e Santa Mariña están «suprimidas».

Seguen as inspeccións arcebispais, e non parece mellorar a situación, xa que en 1791 o visitador atopou a ermida «de la gloriosa Santa Marina, así mismo consistente en los términos de esta feligresía y sitio llamado de Riomuyño [sic], con mucha indecencia, en la que tampoco hay surtido alguno y en ella se celebra misa en el día de su festividad, llevando para este fin todos los ornatos de la iglesia parroquial». O dato toponímico podería ter moito interese, se é que o inspector oíu e escribiu correctamente, pois de ser así o Remuíño, verdadeira denominación do lugar, aludiría se cadra a algún muíño no río Anllóns, e non a algún sorbedoiro neste río que flúe cun tan acusado como fermoso meandro nas inmediacións. Evidentísima é a similitude fónica de Riomuíño e Remuíño… Polo tanto, quen deturpou o auténtico topónimo, o visitador que a interpretou mal ou o pobo que xa a usaba deformada? Interesante cuestión, desde logo digna de ter moi en conta.

Visitador

O visitador dedica certa atención ao estado da ermida, que «está indecente en su pavimento e imágenes; su situación impide a las gentes, que concurren a la festividad oír misa en ella, en cuyo solo día se celebra; haciéndolo a la inclemencia en un montón de piedras, contiguo a la ermita». Aínda que obviamente virían tamén doutras parroquias, teremos que pensar ante todo nos fregueses de Corcoesto, cuxas cifras nos aporta o documento: 60 veciños, que equivalían a 300 almas de confesión, das cales 50 estaban aínda pendentes de confirmar. Prosegue o informe: «Hay indicios de que el cura percibe renta perteneciente a esta capilla; mandose que a cuenta de la que cobró, después que es cura, y de la que a lo sucesivo perciba, la adorne de todo lo necesario para celebrar en ella misa, sin hacerlo en el sitio que antes se practicaba a no ser que preceda especial licencia del Excelentísimo Señor Arzobispo».

Exercía Jacinto López Monasterio, de 65 anos, de Santa Eulalia de Cancelada, no obispado de Lugo, cidade onde estudara Filosofía e Moral. Segundo o visitador, era de boa conduta, máis escríbelle un «mandato» para corrixir unha eiva: que nos libros parroquiais, cando a nai é solteira, o cura «no ponga padres cuando hay indicios de serlo, sin otro fundamento; se abstenga a no ser que compareciendo ellos voluntariamente lo depusiesen y firmasen la partida con el cura». Comodidades na reitoral non debía de ter o crego abondas, posto que no informe consta que está «vieja, deteriorada y de poco servicio». Lucense era o cura propio, mais non faltaban sacerdotes cabaneses naturais da freguesía, todos de boa conduta igualmente, o cal non deixaba de ser unha rareza. Antonio Vaneira e Julián Vaneira eran patrimonistas, posuían bens propios; Urbano Collazo levaba apelido frecuente na parroquia; e Antonio Roxo era só capelán.

En 1824 inícianse as obras da «Torre de las Campanas» da parroquial, a cargo dun tal Ignacio García, mestre de cantería e mampostería veciño de Santa María de Mira, Zas. A morte deste levou á contratación de Manuel Gamallo algúns anos despois, en 1831, data de remate da torre. Procedente da Terra de Montes en Pontevedra, traballou na igrexa de Cospindo, e de feito Pondal nomeouno nalgún poema do que xa temos falado nestas páxinas. Era veciño de «San Pedro del Puerto» cando firmou o contrato en Corcoesto; non estraña por tanto que traballase na igrexa inmediata de Carnés.

Informe

O informe da visita do século XIX (1817) semella algo máis esperanzador, dado que sinala unicamente que as capelas de Santa Mariña e Santa Margarida están «necesarias de reparaciones». E fronte aos problemas que recollen todas estas visitas, orixinados na terrible escaseza de recursos derivada da miseria do pobo, hoxe a ermida segue en pé e a contorna é un lugar idílico: sombrizo prado, refrescante regato, carballeira de xenerosas copas. Do mellor de xullo na bisbarra é Santa Mariña de Corcoesto… Longa vida á nosa santa ourensá de Cabana de Bergantiños!