«Son coma un pan de aldea: un pouco toxo por fóra, pero con moita miga»

Loreto Silvoso
loreto silvoso A CORUÑA / LA VOZ

CAMARIÑAS

CÉSAR QUIAN

A nova vocalista de Luar na Lubre ten á súa predecesora, Rosa Cedrón, nun pedestal

02 may 2017 . Actualizado a las 23:46 h.

Belém Tajes admira ás súas predecesoras en Luar na Lubre (Ana Espinosa, Sara Vidal e Paula Rey) pero recoñécese «cedronista».

-¿Rosa Cedrón for ever?

-Téñoa nun pedestal. Con esa forma de cantar, con tanto aire e emoción, marcou unha época.

-¿Como foi a súa fichaxe?

-Un soño feito realidade. Non mo acababa de crer.

-¿Cantas veces os vira en directo?

-¡Moitísimas! Fun a case todo.

-O repertorio era pan comido.

-Pero aínda teño que facer miñas as cancións.

-¿Cal é a canción máis difícil?

-Tu Gitana. Para min foi un reto.

-Viríalle Rosa Cedrón á mente.

-Si. Tiña na cabeza a súa voz.

-¿Que tal a acolleron os fans?

-Dinme que hai boas críticas.

-¿Como é Belém Tajes?

-Pois teño moita música dentro. Ás veces cústame apagar a radio que teño na cabeza. E son coma un pan de aldea: un pouco toxo por fóra, pero despois teño moita miga dentro. [Risas]

-Boa descrición! Ja, ja! E reivindicativa! Porque nós coñecémola por aquela denuncia contra unha escola infantil que non lle deixaba falar galego.

-En canto me puxeron por escrito que non podía utilizar o galego, convertínme en activista do idioma. Pero paseino mal. Foi unha época moi dura.

-E perdeu o traballo. ¿Agora vive só da música?

-Non, teño traballos relacionados con ela. Son profesora de musica en diferentes sitios.

-¿Un truco para coidar a voz?

-Beber moita auga. Estou obsesionada coas infusións. Vou cun pequeno fervedoiro de auga a todas partes. E cun bote de mel.

-¿Cantar é o que máis lle gusta?

-Si, cantar e inventar. A min o que me gusta é inventar cousas. Eu de pequena quería ser inventora. A música foi a conexión perfecta: inventar en tempo real.

-Porque vostede compón os temas que fai con Voodo [nomeado ós premios Martín Códax na categoría Blues/Funk/Soul].

-Si, e está nomeado Pedeslán, do que tamén formo parte, así como de Sisters in the House.

-¡Fai de todo! ¿Por que estilo musical se decanta?

-Vólveme loca a música tradicional. As cancións que me cantaban as miñas avoas son o máximo. Non hai nada por riba diso.

-¿Tiña antecedentes na familia?

-Meu avó era gaiteiro. Pero meu irmán e eu non o soubemos ata que nos naceu a nós ser gaiteiros.

-¿E cando lle naceu iso?

-Ós doce anos xa estaba no Grupo de Gaitas Airiños de Perillo. Ao principio non tiña interese, pero no grupo entrou meu irmán. Eu escoitaba as súas melodías coa gaita e aprendíaas directamente.

-¿Saínlle solas?

-Coa frauta, si. Cando el non estaba, roubáballe a gaita, ja, ja...

De onde é. Belém Tajes naceu en Bos Aires e criouse en Arou (Camariñas) e vive en Perillo.

De xira con Luar na Lubre. Onte en Málaga. Logo, Aranjuez, Narón e o 21, no Festiletras.

Quinta vocalista. Despois de Ana Espinosa, Rosa Cedrón, Sara Vidal e Paula Rey.