O Festifolk afianza o poder gaiteiro

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Carballo acolleu unha nova exaltación da música popular, do son da terra

10 jul 2016 . Actualizado a las 22:20 h.

A segunda edición do Festifolk Costa da Morte volveu ser onte a festa de todos os gaiteiros. «¿Como non nos vai gustar isto? Levámolo na sangue», comentaba unha veciña vendo pasar ás formacións que percorreron as rúas carballesas. Achegaron á xente toda, ás casas, a música tradicional, a música popular, a de raíz. A música galega. A Banda Municipal de Gaitas de Carballo, o grupo de gaiteiros de San Cristovo, Adro, O Son do Castro, Fumes do Cal de A Ameixenda, Lembranzas de Bergantiños, Xaramiños do Corpiño e Arume de Berdillo merecen as «grazas infinitas» que onte se lles deron, pola actuación e tamén polo esforzo de teren acudido aínda cando a Costa da Morte estaba levantada toda ela en festas, mesmo incluso nas súas localidades de orixe.

Os seus pasos, coas gaitas soando, foron a esencia do Festifolk, que non pretende outra cousa que ser «o son desta terra», a voz da súa música, «fortalecela». Dende pasadas as nove da noite, que foi cando iniciaron o percorrido na rúa Colón, ata entradas ben as dez, xa de volta na Praza, soaron pezas e pezas, sons galegos que, como dixo o alcalde, Evencio Ferrero, por ser os nosos, son os máis modernos, os máis actuais, os que teñen «máis futuro». Os gaiteiros foron recibidos con aplausos, con algún que outro baile animado e mesmo con coros se se prestaba. Os grupos chegados de Carballo, Baio, Borneiro, Cee e Muxía exhibiron o traballo de base diante de nenos e maiores, tomando parte ao final do percorrido pola vila nun momento de novo histórico: a interpretación, todos xuntos, do Himno do Antigo Reino de Galicia. Para cando iso ocorreu, xa a Praza do Concello estaba chea de xente, agardando polo que viría. Foi o músico Xabier Díaz o encargado de iniciar o son unido, e quixo facelo ao pé dos demais gaiteiros, cos grupos. Baixou do escenario. Xa llelo avanzara ao inicio da festa, antes mesmo da saída: «Estamos todos á mesma altura».

O Festifolk, promovido por La Voz de Galicia, organizado polo Concello de Carballo e patrocinado pola Fundación Luis Calvo Sanz, volveu ser unha xuntanza da alma gaiteira. «Sen a súa colaboración, isto non tería sido posible», dixo o delegado de La Voz en Carballo o, Xosé Ameixeiras, aludindo ás dúas entidades. Estourou a praza nun aplauso logo do Himno conxunto, intre solemne e conmemorativo e polo cal ata houbo quen dixo terse achegado a Bergantiños a propósito dende terras de Xuvia, aló por Neda. A todos os gaiteiros, e sobre todo aos alí presentes, dedicoulles Xabier Díaz o seu premio como Gaiteiro de Honra, sorpresa para el: «As visitas a Carballo e a Bergantiños sempre me traen cousas gratas».

Recoñeceuse -dixo a xornalista e locutora de Radio Voz Bergantiños Verónica Couto, presentadora do festival- a súa traxectoria e o seu traballo de investigador. Sempre ha de haber gaiteiros.

«O único que me move todos os días é o amor pola música popular, pola música tradicional, e tamén a búsqueda da excelencia». 

O carballo de Sargadelos que onte recibiu Xabier Díaz como Gaiteiro de Honra da segunda edición do Festifolk é o segundo que garda xa. O primeiro chegoulle, como recordou Evencio Ferrero, no pregón dun «recente San Xoán». Desexoulle así que siga facendo méritos para que os carballeses lle sigan gardando ese cariño que lle teñen e tamén, que siga como traballador dun mundo que significa todo para o artista: «O único que me move todos os días é o amor pola música popular, pola música tradicional, e tamén a búsqueda da excelencia». Apuntou Xosé Ameixeiras que a música da gaita é a alma de Galicia, «unha parte tan importante da nosa cultura», que foi como a definiu Luciano Calvo, como representante da Fundación Luis Calvo Sanz. Se as peticións se cumpren, haberá seguramente máis Festifolks, como festa que é de todos os «galegos de alma, dos galegos de corazón».

Ferrero deu ás grazas a La Voz e á Fundación Luis Calvo Sanz, «unha empresa que dende Carballo está no mundo». O Festifolk implicou esa unión de forzas. Xa de seguido, saíron ao escenario Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre, para presentar The Tambourine Man. «Bergantiños é a única bisbarra do mundo onde existe o maneo como tal», dixo Díaz. O público veuse arriba. Aínda quedaba noite: logo viría Pepe Vaamonde Grupo.

Poden ver algunhas imaxes do Festifolk en Carballo aqui