O teatro dá un paso á fronte nos Venres Culturais de Carballo

Á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

cibeira< / span>

Tres producións de gran formato, e aínda sen estrear, visitarán a localidade no marco do programa presentado onte

26 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O FIOT é a punta de lanza do teatro en Carballo, pero as representacións hai tempo xa que desbordan o outono para deixarse ver na capital bergantiñá en calquera época do ano. Así volverá a suceder durante as próximas semanas da man do programa Venres Culturais, que inclúe cinco montaxes para o público adulto e tres para as familias, ademais de cinco exposicións e tres concertos.

Tres desas obras teatrais son montaxes de gran formato aínda sen estrear, de tal xeito que o público carballés será dos primeiros en gozar delas: Ubú Rei, de Talía (o 10 de marzo), Soño dunha noite de verán, de Voadora (24 e marzo), e A cabeza do dragón, de Producións Teatrais Excéntricas (31 de marzo). «Ultimamente notamos tanto nas axudas á produción como no número de bolos que cada vez hai máis proxectos grandes. Antes había moitos monólogos, pero agora hai máis obras de gran formato», explicou onte na presentación dos Venres Culturais Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Canda el estivo -ademais do concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, que detallou o programa-, o ceense Artur Trillo (Talía) que confirmou ese paso adiante. «Ubú Rei é un espectáculo de gran formato, non só porque o diga a Agadic por ter 8 actores, senón porque tamén o queriamos nós así. É conveniente nestes tempos que invitan ao minifundismo e á parquedade de escenografía contribuír a unha oferta mais contundente e a que se poidan ver espectáculos de máis actores», dixo Trillo tras explicar que a súa versión do texto de Alfred Jarry ía ser estreada no FIOT, pero que por problemas de axenda tivo que ser adiada.

Tamén tivo que ser adiada, 80 anos concretamente, a primeira representación de Valle Inclán en galego, pero unha vez caducados os dereitos dos herdeiros do autor, Excéntricas con Quico Cadaval á fronte disponse a por fin a esa situación. «Déusenos por facer A cabeza do dragón, que é a obra maldita, do autor maldito na lingua maldita, así que esperemos que acaben aquí as maldicións e que a partir da estrea as cousas melloren sensiblemente. É a obra de Valle Inclán que pode chegar a un público máis amplo, porque ten moitas lecturas: desde a ocultista ata a modernista e formas máis lúdicas do teatro», contou onte Cadaval.

Todos os presentes onte destacaron a importancia da oferta cultural carballesa e a gran acollida que ten o teatro. «Carballo, o lugar que programa o día da final da Champions», respondeulle Cadaval a Trillo para afirmar que o seu reto de encher o día 10 non era tal. E así o confirmou o alcalde ao asegurar que o éxito «está garantido». Evencio Ferrero fixo alusión tamén ao dobre sentido da palabra obra, coa que xoga tamén o cartel do programa. «O pobo non se articula só en urbanismo e se hoxe Carballo é máis pobo tamén o é porque ten un festival como o FIOT, porque o Pazo da Cultura é un referente permanente para as actividades que se programan, porque ten festivais como o Carballo Interplay, o Rexenera Fest ou o Derrubando Muros con Pintura».

Bonos e reservas. Os bonos (21 ou 16 euros) para os espectáculos dos días 3, 10 e 17 deste mes e 10, 17, 24 e 30 de marzo poderanse mercar desde mañá no Pazo. As entradas poderanse reservar desde 15 días antes de cada función.