«Con 'Raclette' inauguramos unha nova etapa na compañía»

Ángel Palmou

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Os Venres Culturais de Carballo dan comezo hoxe cun texto galardoado con premio Álvaro Cunqueiro

03 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A actriz, clown, deseñadora de vestiario e creadora escénica Marián Bañobre regresa hoxe a Carballo coa compañía que fundou hai sete anos xunto a Santiago Cortegoso, Ibuprofeno Teatro, para representar Raclette (Pazo da Cultura, 21 horas, 3 e 4 euros). Toni Salgado, Deborah Vukusic, Iria Sobrado e Salvador del Río completan o reparto desta montaxe galardoada no ano 2014 co premio Álvaro Cunqueiro e que inaugura unha nova edición do ciclo Venres Culturais.

-¿Por que o publico non debe perderse este espectáculo?

-Porque é novidoso no panorama galego xa que é un texto escrito por un autor galego (Santiago Cortegoso), e é un premio Álvaro Cunqueiro. Non temos moitas oportunidades de ver representados aos autores premiados porque ás veces supón unha aposta forte para as compañías privadas. A segunda razón é porque ten unha posta en escena moi orixinal: son dúas tramas que conflúen nun mesmo espazo temporal, unha cea, pero hai tamén unha quinta parede porque esas tramas en principio no se relacionan e o espectador ten que armar unha especia de crebacabezas con pequenas pistas. Ademais, é unha obra na que se tratan multitude de temas (a alimentación, a maternidade, as gañas de triunfar...) nos que ademais se poden ver reflectidos tanto a xente máis nova como as persoas máis maiores.

-E con público no escenario e comida real.

-Pois si. Incorporamos 45 espectadores no escenario que terán a posibilidade de ver a obra desde alí, o cal é unha experiencia bastante única. Ao espectador apórtalle unha perspectiva diferente á habitual, unha proximidade co elenco e a interpretación que tampouco é usual e meterse completamente na historia. Ademais, como todo transcorre durante unha cea , na que cociñamos e comemos esa raclette, os espectadores -sobre todo os que están no escenario- van ter unha motivación sensorial extraordinaria posto que van estar vendo como se fai a comida e poderán cheirala.

-¿Este cuarto espectáculo supón un paso adiante para a compañía?

-Si. A compañía fundouse no 2010 cun monólogo que tamén estivo en Carballo, no FIOT (A filla de Woody Allen); temos un espectáculo pequeno de rúa co que tamén visitamos a localidade, Fitness, ademais de O Furancho, no que estamos Isabel Risco e máis eu, e Pequenos actos pseudorrevolucionarios..., con Santiago Cortegoso, así que ata embarcarnos en Raclette todas as producións de Ibuprofeno eran cousas de un ou dous actores. O impulso para dar este salto foi o premio do texto, que nos fixo decidirnos a unha produción de mediano formato, e a verdade é que o experimento saíunos ben e Raclette está inaugurando unha nova etapa na compañía na que seguimos producindo cousas de pequeno formato, pero tamén de mediano e gran formato, como proximamente faremos público.

-¿Como compatibiliza a faceta de actriz, de deseñadora de vestiario e de corresponsable de compañía?

-Como podo. Isto é como o que ten un traballo artesanal. Pero esperamos que a nivel empresarial a compañía vaia collendo tamén outro formato e poidamos contratar máis persoas para poder liberarme dalgunhas funcións que estou asumindo agora. Facemos as cousas con moito cariño e ilusión e por iso podemos facer tanto, pero é certo que chega un momento no que as horas do día non dan. Gustaríame centrarme sobre todo no que é actuar e os vestiarios, que é algo que me encanta.