«Se somos fortes, podemos mellorar»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Jose Manuel Casal

A actual dirección deulle unha nova vida ao parque industrial de Bértoa, que ira a máis se se une a segunda fase. Juan Carlos Fernández é o secetario da comunidade de propietarios

26 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan Fernández Cancela pode presumir, malia a súa xuventude, de ver medrar o polígono industrial de Bértoa dende o primeiro ladrillo. Xa non só polo feito de que o seu avó, Juan Fernández Sánchez, foi un dos socios fundadores aló polo ano 1975, senón porque a súa empresa (acompaña ao seu pai na dirección), Bodegas Carballo, foi unha das primeiras naves que se instalaron, en 1992. Daquela serían dez, non máis. A expansión foi constante. E segura. Tal vez por iso «nin se notou moito o bum nin se notou moito a crise», asegura.

Dende hai 5 anos é o secretario da comunidade de propietarios, ademais da entidade As Eiroas, que aglutina a todos os empresarios, dende a que comezaron a realizar un senfín de xestións para transformar a área industrial e a súa xestión, dar servizos aos asociados e sentar as bases para un modelo futuro e necesario (que noutros polígonos é unha realidade hai moito) de profesionalización.

-O polígono mantén un elevado índice de actividade. ¿Cales son os motivos?

-Son varios. Empezando por que os alugueres de naves son moi baixos, entre 1,10 e 1,50 euros o metro cadrado. Mesmo máis baratos que o que ofrece algunha Administración como axudas para implantar empresas. Tamén é un polígono moi competitivo a nivel Galicia. Todo o que demandan as empresas está ao lado, ou no mesmo lugar, ou en Carballo. Sérvense do que lles faga falta de inmediato. A renda que se paga á comunidade tamén é moi barata. Unha nave de 2.400 metros, por exemplo, non chega a 80 euros. E logo a situación, as comunicacións.

-Teñen ao lado o polígono de Xestur, que tamén está lanzado. ¿Como está a situación administrativa conxunta?

-Non a hai, e necesitamos xuntas as dúas comunidades. Non é normal que haxa unha na primeira fase, que poida haber outra da segunda, e como xa se falou dunha terceira fase, que poida haber incluso unha terceira comunidade. O normal é ter unha soa. Levamos tres anos traballando no tema, Concello e Xestur están de acordo; as empresas da segunda fase, tamén, pero por motivos burocráticos, ¡tres anos!

-¿Cal sería a vantaxe?

-Moito mellor para todos os socios. A máis cotas, máis servizos. E mellores. Incluso se poderían rebaixar as cotas. Seriamos unha comunidade máis forte, e se somos fortes, cunha xestión profesionalizada ademais, poderemos mellorar, reclamar máis cousas.

-Tiveron hai pouco unha denuncia sobre o sistema de seguridade privada.

-Dicían que temos servizo de vixilancia, pero non é así. Hai xente que fai mantemento e, loxicamente, se ven unha luz encendida ou unha porta aberta, avisan. E chámase á Policía Local ou á Garda Civil, que xa de por si acoden varias veces pola noite. A Policía Nacional corroborou que é a así. Pero é que ademais temos un polígono con cero incidencias. Non queremos ter seguridade privada porque non fai falta e porque ademais implicaría subir moito a cota dos asociados

-¿Como están as necesidades enerxéticas?

-Gas, malia que se anunciou varias veces, non hai. Sería interesante, abarataría custes. De enerxía eléctrica tivemos algúns problemas aí atrás, pero xa está arranxado.

-¿Que obxectivos teñen agora?

-Hai xa dotación económica para arranxar viais, zona verde... Esperamos tamén unha axuda para arranxar o futuro local social. Nunca tivemos axudas, fomos sempre o gran olvidado das Administracións, de todas. Levamos anos de atraso con respecto a outros parques. Agora hai que camiñar cara un modelo de xestión distinto do actual, profesional.

-¿E de cada ao futuro?

-Ademais desa xestión profesional a tempo completo, que nos permita dedicarnos aos empresarios ao noso traballo, hai cousas que estarían moi ben. Penso, por exemplo, nun bus gratuíto que conecte con Carballo. Ou nunha gardería para os fillos dos traballadores. Ou que o próximo carril bici, que se vai construír axiña, chegue ata arriba, e non só ata a rotonda da AC-552.

«A empresa familiar está desprotexida»

Juan Carlos Fernández é a terceira xeración dunha estirpe familiar moi enraizada en Carballo. De feito, o seus avós empezaron, no ano 1954, co Bodegón, que segue aberto, pero xa en mans doutra familia (a segunda en toda a súa historia). Estiveron con el uns vinte anos, ata que decidiron cambiar e, uns metros máis arriba, en Alfredo Brañas, abriron Bodegas Carballo, que é a que segue en activo tras máis de 40 anos, tamén coa nave no polígono.

-¿Cambiou moito o seu sector?

-Moitísimo. Ao principio traballábase con viños de granel, sidra, aceitunas e marmelo. O granel en si foi desaparecendo cara o embotellado. Aínda se serve algo, pero mínimo. Nós agora traballamos con viño, pero tamén cervexa, augas, zumes e aceites.

-Tamén se consume viño doutra maneira.

-Claro, houbo un cambio xeracional, ligado ao entorno do país, que tamén foi a mellor. Todos os viños melloraron, moito a calidade, aínda que o consumo nos últimos anos, baixou, en Galicia e no resto de España. A auga, as variedades de cervexa, as bebidas novas vanlle gañando terreo, pero tamén baixa porque hai cousas que non se souberon transmitir ben. E a culpa é de todos os implicados na cadea. Non se poden cobrar prezos excesivos a viños que non o merecen, porque ao final págase no resto. Antes o viño era un hábito, porque non había outra cousa, pero hai que explicar que é toda unha cultura, e ir cara un mercado máis xusto. O noso mercado é moi dinámico, e ten tamén problemas na distribución por falta de control de Facenda dalgunha xente que vende sen IVE. Fai falta máis seriedade.

-¿Custa moito sacar adiante unha empresa pequena?

-En xeral, a empresa familiar está desprotexida, e hai que facer todo a pulso. Ou non hai axudas, ou non as hai para as necesidades. Tenme pasado de non ter axudas para comprar un determinado ben, pero si se compro 15. Só se benefician os grandes

-Vostedes levan Carballo no nome. ¿Iso que significa?

-Que estamos orgullosos de ser de Carballo, que merece a pena. É un sitio que vale moito. No que hai traballadores moi moi cualificados, e isto hai que dicilo.