Apego, a criatura carballesa que fala galego e non deixa de medrar

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

O proxecto de dinamización lingüística dende a primeira infancia naceu na capital de Bergantiños, onde precisamente se presentaron as actividades de primavera

12 abr 2017 . Actualizado a las 23:28 h.

Veñen meses intensos en Carballo. Familias e pequenos teñen moitas citas ao amparo de Apego, unha criatura nacida na localidade hai xa un tempo, no seo dun curso de verán de normalización lingüística. Apego, pois, é un programa de dinamización lingüística dende a primeira infancia desenvolvido cooperativamente por varios municipios: inicialmente, eran 12; o ano pasado sumáronse outros 11 e, neste 2017, 7 máis, polo que xa son 30, de diversos tamaños, condicións, cores políticas.... Entre eles, as sete cidades e, en conxunto, a metade da poboación galega. Do que se trata, en definitiva, é de implicar ás familias con nenos e nenas de ata 6 anos na valoración positiva da lingua galega, a lingua propia, para así facilitar que adquiran o galego como lingua inicial e promover que o usen de maneira habitual, facilitándolles argumentos, recursos e espazos de socialización, as «tres patas» dun proxecto «integral», como o definiu Nel Vidal, responsable do departamento de normalización lingüística en Carballo e, por tanto, «un dos pais da criatura», como o calificou o alcalde, Evencio Ferrero. En Carballo, xa son máis de 150 as familias participantes no programa. Destacan, ademais, pola súa fidelidade ás actividades e pola súa alta participación. No conxunto galego, a cifra sobe ata más de 2.000. O que se intenta con Apego, así pois, é agrupar nun único programa todas as actividades infantís en galego que se organizan desde diferentes departamentos do Concello: biblioteca, Cultura, Normalización e, nos vindeiros meses, máis áreas. Deste xeito, Apego convértese no programa infantil do conxunto de Carballo. A casa consistorial, precisamente, vén de acoller a programación para este tempo de primavera: 

Abril

Mércores 19. «Os ratiños da caixa», con Trinke Trinke. Haberá dúas sesións na biblioteca, ás 17.00 e ás 18.30 horas. 

Mércores 19, ás 19.30 horas, na biblioteca Rego da Balsa: «Sacar a lingua é de mala educación»: presentación do libro de Manuel Núñez Singala. 

Venres 21 de abril: «Contos no bus do Mago Antón», con pases ás 17.00, 17.45, 18.30 e 19.15 horas, nos exteriores da biblioteca. 

Do luns 24 ao venres 28: Semana do Libro e a Lectura. Ademais das actividades escolares polas mañás e de diversas exposicións, haberá todos os días pola tarde sesións de contacontos abertas ao público: Daboapipa, Ghazafelhos Teatro, Soledad Felloza, Baobab Teatro e o mago Marco. 

Maio

Xoves 4. Espectáculo musical para bebés, «Percubebé». Un obradoiro-espectáculo no que bebés e maiores aprenden, gozan e descobren o mundo das percusións e a arpa con Marcelo Dobode e Bea Martínez. 

Xoves 11: «Flipa cos contos», con Bandullo Azul, ás 18.30 horas, na biblioteca Rego da Balsa. 

Martes 16: «O mundo de Carliños», contacontos musical de Luís Vallecillo, ás 18.30, na Rego da Balsa. 

Mércores 17, Día das Letras Galegas. 

Xoves 18 de maio. «Alegría», concerto infantil de Sergio Tannus e a súa banda, unha das actividades centrais. No auditorio do Pazo, ás 18.30 horas.

Lunes 22. Obradoiro de Giovanna Pose, guía Montessori en Aura Carballo. Ás 18.30 horas, na biblioteca. 

Xuño

Sábado 3 e domingo 4: «A bonitísima hisotira da princesa Mari Carme», coa Aula de Teatro Municipal de Carballo. Ás 18.00 horas, no auditorio do Pazo. 

Mércores 7: «Orella Pendella», obradoiro-espectáculo de cancións e recitados infantís con Migallas. Dous pases no salón de actos do Pazo: 18.00 e 19.30 horas. 

Daniel Pérez, concelleiro de Normalización Lingüística, explicou, logo de expoñer a programación, que o que se busca é ofrecer «unha chea de actividades e espazos de animación, aprendizaxe, descubrimento e socialización nos que convidamos a todas as familias de Carballo con bebés e nenas e nenos pequenos e a través das cales se pode transmitir a lingua con Apego». 

Nel Vidal, ao igual que Daniel, tamén animou ás familias que estean agardando un bebé a que pasen polo Pazo da Cultura para recibir información sobre o programa Apego, formalizar a inscrición se así o desexan e recibir tamén unha caixiña de benvida cunha mantiña-boneco-apego, un libro de recomendacións para a crianza, un álbum de primeiras experiencias, un disco cunha selección de música infantil en galego e diversos materiais. Evencio Ferrero, finalmente, felicitou a todas as persoas implicadas neste programa que afonda na «autoestima e defensa do propio». «A criatura vai medrando, dende os primeiros pasos ata esta feliz realidade», engadiu.