«Non renunciamos a nada e imos dálo todo para seguir crecendo»

CARBALLO MUNICIPIO

JOSE MANUEL FERREIRO

O seu equipo, o Asesoría Cervantes, enfróntase ao Caldaria na fase de ascenso a Primeira División

22 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Rosalino Mariño Rey (Coristanco, 1959) leva 34 anos ao fronte da sección de voleibol da Agrupación Deportiva Xiria de Carballo. Ao longo deses anos fixo de todo no club: xogador, presidente e adestrador. Agora afrontará mañá un novo reto na súa dilatada traxectoria na entidade: disputar a segunda fase de ascenso a Primeira División Nacional de voleibol feminina.

-O equipo vai xogar mañá contra o mellor equipo da tempada.

-O noso equipo pode dar a gran sorpresa co líder Caldaria Voleyourense. Non será doado, pero co apoio dos afeccionados todo pode ocorrer.

-O actual campión da liga gañoulle sempre ao Xiria.

-É certo. O ano pasado gañounos os dos partidos de liga e a final da fase de ascenso a Primeira División Nacional. E neste curso impúxose nas dúas ocasións. Agora veremos mañá o que somos capaces da facer

-¿Qué posibilidades teñen?

-A realidade é que elas son as claras favoritas. Pero nós esta tempada gañamos na Coruña ao Zalaeta contra prognóstico por 1-3, e no último encontro disputado en Carballo diante do Dompa Xestión para estar en esta fase final. Nesa oportunidade o apoio dos cento cincuenta seareiros nas gradas foi decisivo.

-¿Pode ser esta a arma definitiva do Asesoría Cervantes Xiria?

-Está claro que o equipo está moi motivado e esperamos ese apoio desde a grada. Despois, sobre a cancha pode ocorrer de todo. Nós esperamos saber contrarrestar o poder que ten a Caldaria Voleyourense. Para iso teremos que facer o mellor partido da presente tempada.

-¿Como valora o traballo do adestrador?

-É un gran profesional, como demostrou dende que chegou ao club a tempada pasada despois de acadar o ascenso a Primeira División. O traballo que leva facendo, ca axuda do seu segundo, Cristian Pallas Lorenzo, é inmellorable. Estamos moi contentos con eles.

-¿Teñen baixas para a afrontar a fase de ascenso?

-En principio, salvo por mor do traballo, tanto Asier como Cristian contarán cas doce xogadoras da plantilla: Kely Noya, Lucía González, Ana Vanesa Castro, Jeny García, Sonia Ennes, Patricia González, Bea Souto, Loreto Tarrío, Silvia Rodríguez, Silvia Varela, Paula Rodríguez e a xuvenil Uxía Caamaño.

-O ano pasado a fase final foi en Ourense e mañá será en Carballo.

-Si, este ano animámonos a pedila, por iso a xornada de mañá será completa. Nas semifinais xogarán Zalaeta-Bruxas de Ames ás dez da mañá e despois, no pavillón Vila de Noia, Cladaria Voleyouresne-Asesoría Cervantes Xiria, ás doce. Os que perdan veranse as caras ás 17.00 horas e os gañadores, que disputarán a fase final de ascenso á liga nacional, ás 19.00.

-¿Considera un premio o feito de chegar á final?

-Sen a menor dúbida. Empezamos mal a tempada e o equipo foi a máis para conseguir a clasificación no último partido. Estar onde estamos xa é de por si un premio. Pero non renunciamos a nada e imos a dalo todo para seguir crecendo.