«Neste Concello sempre estamos dispostos ao diálogo»

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

José Manuel Casal

O alcalde carballés declina valorar á oposición, pero asegura que bota de menos «determinadas ausencias»

28 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Evencio Ferrero (1955) encara a metade do mandato con satisfacción polo traballo feito.

-¿Que destacaría?

-Estamos conseguindo facer de Carballo ese bo lugar para vivir. O punto ao inicio do mandato foi a aprobación do PXOM, e dende aí, a seguridade xurídica para que os que queiran promover solo, investir en Carballo, que o fagan. Tamén é moi de salientar o importante impulso que está collendo o polígono. Polas axudas, e tamén porque é un emprazamento idóneo e o empresariado dáse conta da súa enorme potencialidades. É o solo público de Galicia que máis demanda ten. Tamén destaco a transformación urbana e rural, a apertura de canles de participación como son os consellos parroquiais, moi ben percibidos pola cidadanía. E tamén, dada a boa saúde económica, pódense ir atendendo necesidades e cubrindo demandas.

-Non todo será bo.

-Houbo cousas que non. Esta semana, a tráxica morte do policía local, que nos afectou moito. E ten que facernos reflexionar sobre comportamentos incívicos, que non respectan a legalidade. Tampouco foi unha boa nova non ser merecedores dos fondos Edusi, como xa logramos fondos europeos en dúas ocasións, para o Fórum e para o Anllóns-Bardoso.

-¿Non cre que os consellos parroquiais son un saco enorme de multitude de peticións?

-Temos que atender todas as demandas que se nos fagan, pero hai ritmos diferentes. Non podemos convertelos nunha carta aos Reis Magos. Non se pode executar inmediatamente. Xa hai moitos temas que foron atendidos, outros están en marcha, por exemplo varios locais sociais, ou xa para facer o proxecto. Se todos actuamos con responsabilidade servirán para ir atendendo prioridades.

-¿Que vai pasar cos fondos Edusi? ¿Haberá terceira convocatoria?

-Precisamente este martes, día 30, Milagros Lantes e eu teremos unha entrevista en Madrid, no Ministerio, para ter todos os datos. De todos modos, parece que se perdeu algo, e non foi así, porque non se perderon: non se conseguiron. Houbo que competir con concellos da mesma ou moi superior dimensións. E, se se le o BOE, de 185 aspirantes, o 80 % non foron seleccionados, entre eles cidades moi importantes. Pero, claro, a todos nos gustaría celebrar a terceira vez que se lograban eses cartos.

-Na oposición téñenos acusado de aplicar o rodillo da maioría absoluta.

-Somos un Concello onde hai unha xunta de portavoces regulamente, onde a oposición participa en todas as mesas de contratación. Neste Concello sempre estamos dispostos ao diálogo, pero que cada un o valore según considere. Aquí hai un comportamento político como non houbo na nosa historia democrática, e por suposto non hai ningún rodillo. Sempre estamos dispostos a atender propostas construtivas, e sendo así votamos a favor. Pero o que algúns non poden pretender é que o grupo maioritario se pregue a intereses que non comparte.

-¿Que obras quedan para estes vindeiros dous anos?

-Seguiremos co proceso de transformación. Axiña se farán na rúa Río, despois tamén na do Sol. Abriremos o centro cara o río Anllóns, estivemos moito tempo de costas a el, e o que se fixo no seu entorno tivo un gran impacto social. Buscaremos, como ata agora, o equilibrio entre o centro urbano e as parroquias. Levaremos a auga á costa, completando o saneamento, e tamén melloras viarias por todo o municipio, xa estamos con iso. Tamén queremos completar o mapa de infraestruturas de centros sociais, xa en marcha.

-¿Haberá obras na Praza de Galicia?

-Neste mandato, non.

-Vostedes falaron de facer un novo polideportivo.

-É algo no que xa estamos reflexionando. Hai varias posibilidades. O que si facemos e mellorar a seguridade do entorno dos centros educativos, e das súas infraestruturas.

-¿Haberá crecemento urbanístico na costa?

-O que se pode facer márcao a lexislación autonómica, moi restrictiva, pero tamén un plan especial de desenvolvento que estamos iniciando. Pero o que hai que facer é dar pasos, dotar de servizos, que é como se pode clasificar o solo. O abastecemento de auga é unha da obras que se van facer, é algo básico.

-¿Poderase gastar o remanente, por fin? Fálase de cambios.

-O que se está falando é de gastar o superávit, que no noso caso é de 1,5 millóns, e xa tiñamos previsto facelo. Outra cousa é o remanente, uns 8 millóns, e de momento non se di nada. Non hai que confundir un con outro. Con todo, Carballo, no 2015, foi un dos concellos de Galicia que máis gastou en obra pública, máis que algunha cidade. Temos moitas limitacións, por exemplo para ampliar persoal.

-¿Que opina do labor da oposición?

-Non o valoro, que o fagan os veciños, non lle poño nota aos demais. Pero tamén digo, con toda claridade, que neste momento boto en falta determinadas ausencias no salón de plenos.

-¿Presentarase de novo ás eleccións?

-Non está decidido.

-¿Pero, querería? ¿Vese con ánimo?

-Ánimo teño, total, pero é algo que depende do grupo e que non se falou aínda.