Un veciño descontento

Marcos Maroñas BUZÓN DEL LECTOR

CARBALLO MUNICIPIO

22 jun 2017 . Actualizado a las 12:16 h.

Está de moda peonizar as rúas e facer as beirarrúas máis anchas e con pavimentos de granito, polo menos pola zona centro, Pois ben, na rúa San Antonio, que é onde resido, as beirarrúas dan pena, pero moita, no inverno cando chove énchense de musgo ou verdín no que é fácil esvarar, ademais, varias das arquetas están afundidas co que é fácil tropezar e caer. Digo isto porque ten moito tránsito peonil nos días de feira e máis agora en plenas festas de San Xoán. Por non falar das rúas San Ramón, Santa Ana e San Paio que nin beirarrúas nin farois teñen, e de noite é un auténtico perigo transitar por elas.

Está tamén de moda crear zonas verdes. Estamos rodeados delas, pero é o malo é que están máis a criar ortigas, silvas e demais prantas autóctonas máis propias do medio do monte, ademais de existir unha fauna moi variada que vai dende ratos que parecen ratas, a ratas que parecen cabalos, incluso creo ter visto algún leopardo dando un plácido paseo, vamos que, Frank Cuesta podería facer nelas unha tempada completa do seu programa.

Esquecía que estas zonas verdes tamén serven de ouriñal improvisado de augas menores e supoño que moi maiores tamén de moitos viandantes desconsiderados. Pero xa o que chegou ó límite da miña paciencia, e reitero, supoño que dos meus veciños tamén, é ter que aturar outro ano máis ás atraccións de San Xoán, tendo en conta que esta situación xa se expuxo hai tempo no Concello e non se deu solución algunha, e iso que existen outras zonas habilitadas como, por exemplo, o Rego da Balsa. Eu entendo que haxa festa, e ollo que a min encántame, pero ós «chiringuitos» cheguei a odialos; cada vez veñen antes, xa logo virán en marzo, acaban á hora que lles dá a gana, o ano pasado eran cerca das dúas, e eu teño unha nena pequena á que lle custaba moitísimo durmir co barullo, e aínda por riba, o ano pasado chegaron ós 90 decibelios (equivalente ó son dunha sirena de policía), e supoño que este ano non será menos. Pero xa o que me parece incríble é a posición na que se colocou unha das atraccións (denominada Shuttle), obstruíndo a única entrada razoable que tíñamos para as nosas vivendas (e mira que hai sitio para colocarse), xa que a rúa Igrexa estará cortada e a rúa San Xoán Bautista é dirección prohibida. E pregúntome eu, ¿como vamos a acceder ás nosas vivendas cando esa zona estea chea de xente? ¿Por ónde vai pasar un vehículo de emerxencias no caso de que ocorra algunha desgraza? Sen dúbida, o que deseñou a posición das atraccións, este mes non merece cobrar o soldo. Marcos Maroñas. Carballo.