«O destino púxome diante algo especial»

V. Couto, P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

OSCAR CELA

Roi Casal trae hoxe a Carballo «Son galego, son cubano», un espectáculo que homenaxe á emigración galega en Cuba e, tamén, a Xosé Neira Vilas: na Praza, ás 22.30, de balde

28 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Noite importante en Carballo, cunha das citas máis destacadas do seu Verán Cultural, das imprescindibles. Apoiado pola Fundación Luis Calvo e a Deputación, chega á vila Son galego, son cubano, un espectáculo que lidera o artista Roi Casal (Catoira, 1980), o artista que fai da honestidade e da profesionalidade a súa razón de ser na música. Amor Cubano, a peza que Neira Vilas escribiu pouco antes de falecer e que lle dedicou á súa dona, a cubana Anisia Miranda, é unha das cancións que Roi interpretará. Soou onte en Radio Voz Bergantiños, onde el deu algunha indicación deste concerto. Son galego, son cubano, dixo Roi, «vai da relación entre Galicia e Cuba e diso Neira Vilas sabía moito, porque el viviu 31 anos alá e foi un dos instigadores deste proxecto». Mensaxe transcendente, ritmos frescos, diversión cun valor engadido. Algo histórico que non se repetirá.

-O espectáculo foi presentado no Gran Teatro da Habana no mes de maio de 2016. ¿Cal é a historia?

-Sempre digo que o éxito que está tendo Son galego, son cubano radica en que a historia que conta é real, tan real coma a vida de miles de galegos que emigraron a América. Tiven a oportunidade, no 2014, de facer unha xira coa miña banda por Uruguai, Arxentina e Cuba. Ao chegar de volta desa viaxe, chamoume á casa Neira Vilas. Non o coñecía persoalmente: eu era un galego máis que lera os seus libros. Pouco máis sabía tamén da historia dos galegos na América ca o que nos contaban na escola, moi pouquiño por certo. Xa naquela xira vira que algo moi grande pasara cos galegos en Cuba, e Neira díxome: «Roi, sei que che deron un premio na Habana e que che propuxeron facer algo que relacionara a historia de Galicia e Cuba, algo que está sen contar... Eu vivín 31 anos alá... Traballei no Ministerio de Industria co Che Guevara, viaxei pola illa e dediqueime a recompilar o que fixeron os galegos en Cuba... Se a unha persoa moza coma ti lle apetece facer este traballo, bríndome a asesorarte, a facerche as letras...».

-¿E a súa cara foi...?

-Vin que era un momento importante. Tiñamos aí á persoa que máis sabía desa epopea e, ao mesmo tempo, a un dos grandes escritores da literatura galega. Tiñamos diante un tesouro. Empezamos a traballar, con viaxes miñas á casa del en Vila de Cruces, e viaxes súas aquí á miña casa a Catoira. Para o verán do 2015 xa estaba maduro o proxecto, xa el fixera case todas as cancións, texto, fotos... Fixen moitas viaxes á illa e, como era un proxecto tan singular, tan veraz e bonito, foise sumando xente moi importante de ambos lados do Atlántico para contar esa historia. Lamentablemente, a finais do 2015, cando estabamos a piques de saír para a Habana a gravar, falece Neira Vilas. Iso fixo que o proxecto cobrase aínda máis emotividade: ao final acabamos gravando alí en marzo do 2016 e en abril aquí en Galicia, para acabar en maio, como dicías, estreando no Gran Teatro da Habana, onde mo pedira Neira Vilas, na edificación galega civil máis importante da historia de Galicia, un dos grandes teatros do mundo. Todas as grandes funcións de ballet internacional, como dicía el, fanse alí debaixo do escudo de Galicia. É a historia deste proxecto, no que cada noite conto unha historia, esas historias dos galegos alí.

-Si, e hai moitas...

-Historias da pluma de Neira durante as case dúas horas que dura o espectáculo. Acabouse convertendo nunha homenaxe, non só á emigración galega en Cuba, senón ao propio Neira Vilas. Son galego, son cubano non é simplemente un concerto de música, é moito máis. A xente vaise de volta a casa non só coa sensación de telo pasado ben cunha banda de músicos galegos e cubanos impresionante senón coa sensación de ter recibido unha información. Ese é o obxectivo, que a xente sexa consciente de todo o que aportaron os galegos a América, cousa que eu mesmo non sabía e que, agora, con este traballo, me fai sentir orgulloso de contribuír a saldar esa débeda histórica.

-Unha homenaxe merecida e que está colleitando moito éxito.

-Si... e penso que era o que Neira sospeitaba que podía suceder. Son vinte persoas de produción en Cuba e unhas 17 que xiramos aquí normalmente. É xa unha familia e temos a sorte de que as letras non só estean escritas a propósito para este proxecto por el, senón que foi el o que o ideou. Foron moitas horas de conversa, de amizade... O día que me chamaron para dicirme que falecera levei, seguramente, un dos desgustos máis grandes da miña vida. Neira non puido ver este espectáculo finalizado, e por iso creo que agora é unha maneira de mantelo vivo e de manter unha mensaxe que, como galego e como cubano que se sentía, dicía que está por contar.

-¿Que supuxo para Roi Casal, pois, ‘Son galego, son cubano’?

-Unha rotura na miña carreira. A xente sorpréndese ao verme saír cunha guayavera, un sombreiro ou un habano... mais non é un personaxe ficticio. É real. Tívenme que adaptar a como o destino puxo diante de min algo especial. Pensabamos que duraría cousa dun ano, pero o reclamo de concertos vai a máis. É unha nova dimensión, aprendín moito, foi unha lección vital.