Rober Bodegas: «O Nadal é familia, viños na rúa Coruña, ver aos colegas»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

UVAS DE NADAL | Non merca lotaría nin ten rituais especiais, pero neste tempo Rober sempre volve á casa, en Carballo

26 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin pon anel na copa, nin ten que levar nada vermello en Fin de Ano e nin sequera, di, lle faría falta comer as uvas. O cómico Rober Bodegas (Carballo, 1982) non é home de rituais especiais en Nadal, datas que para el supoñen, iso si, volver de Madrid á terra natal. «O que me fai ilusión é pasar uns días coa familia, ir tomar uns viños á rúa Coruña, ver aos colegas», indica. Non é xogador de lotaría: «Eu nunca merco, sempre teño algún décimo porque meu pai compra para a familia, pero pola miña parte, nada. Cando tocou aquela vez en Carballo, no bar Arco Iris, na miña rúa, aledeime por todos os veciños, pero eu non compro. Non me gustan os xogos de azar e de feito téñenme proposto anunciar algunha cousa neste sentido, de apostas ou así, pero non o fixen, non me gusta».

Este Nadal tamén suporá para Bodegas, os días 28 e 29, dúas sesións en Santiago e Vigo con Javier Veiga e David Amor: Esfínter, un espectáculo para pechar o ano. Arrasaron na venda de entradas. «É case unha escusa para xuntarnos tres amigos que, se ben temos un carácter común, a idiosincrasia galega, logo temos estilos moi diferentes, así que será unha velada variada», explica. Xa teñen feito algo similar noutros Nadais, e mesmo algunha vez en verán, reunións en datas particulares que de xeito regular no ano non sería posible pola axenda de cada un deles: o propio Rober, só coa xira de Pantomima, ten todas as fins de semana ocupadas a un ano vista.

Non deixa de ter o seu aquel que Bodegas só actuase unha vez no Pazo carballés, no ano 2010, daquela cun espectáculo incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios. Si pasou pola Rúa dos Contos ou sabe o que son os bolos na antiga Dublín. «Hai anos que deixou de afectarme o do Pazo, pero por sorte cando fago algún espectáculo por Galicia sempre aparece alguén de Carballo, e iso é de agradecer», ri. Cumpríronse o mes pasado 19 anos do seu debut no humor. Segue enchendo os teatros.

—Como leva a pandemia?

—Dentro do que cabe, ben. Este ano xa se puido volver ver teatros ao 100 %, e espero que siga así. Con respecto ao 2020 era difícil non mellorar. Ando cos dous espectáculos que teño en Madrid, o de Pantomima Full e máis o meu, Fango; ando de xira, e logo co que facemos habitualmente: La Resistencia, ‘Yu na radio, os nosos vídeos...

BASILIO BELLO

—Xestiona ben o fenómeno fan?

—O meu público ten entre 20 e 40 anos, sempre adoita vir saudar con ilusión, e ao final é unha forma de medir que o teu traballo funciona, notas cando hai momentos de máis e menos popularidade. En Carballo pásame que antes coñecía case a toda a mocidade, pero agora que me achego aos 40, xa vexo pola rúa mozos que non sei quen son. En todo caso, si noto esa especie de orgullo de ter un veciño, carballés, en proxectos que están tendo tanto tirón como é Pantomima ou o programa La Resistencia. E iso é algo que hai que valorar.

—Pasa que a veces un pensa que un humorista sempre ha de ter humor, ser divertido, non?

—Pode pasar, que penses que ese tío ten que ser un cachondo, pero eu no meu caso son máis ben tímido, aínda que de ser abordado sempre procuro ser amable, educado. Tampouco é que lle dea a esa persoa un momento descacharrante [ri]. A maioría da xente entende o teu traballo, a parte pública, pero tamén que podes ter días mellores e peores, momentos máis ou menos simpáticos.

—E o tema dos ataques vía redes?

—Cando se dan esas cousas soe ser porque a xente non te coñece. Temos aí o caso de David Suárez, tamén galego, que vén de ser absolto. Entendo que un chiste poida desagradar, pero de aí a meter unha persoa no cárcere... Non sei de onde vén toda esa ira que hai nas redes, pero paréceme perigosa. Detrás de cada avatar hai unha persoa e xestionar eses linchamentos a veces é complicado. Eu levo anos nisto, e son comedido, nin me flipo cos halagos nin deixo que me afecten moito as críticas. Si que fan dano, claro, acabamos de ver o caso Forqué. Non podemos establecer unha relación directa, pero o ter sido un hazmerreír seguro que non axudou. Creo que falta educación en todo isto, as redes non deixan de ser algo novo e penso que deberían estar rexidas polas mesmas leis que a vida real. Parece que se dá por feito que, sendo un personaxe público, os insultos van no soldo, pero non. Debería ser máis doado, cando se dan estas situacións, poder identificar ao usuario, porque ademais non é algo que pase só a coñecidos, tamén a anónimos cando algo se fai viral. En todo caso, hai máis cousas boas que malas no que leva aparellado esta profesión.

BASILIO BELLO

—Descansará no Nadal?

—Seguramente o acabarei facendo menos do que debera ou do que teña pensado, porque ao final é pouco máis dunha semana. Tendo afillado, tocará mercar agasallos, días 24 e 25 son veladas de familia, outros dous xa os teño para o traballo e logo xa chega Fin de Ano... Volverei a Madrid para o 2 de xaneiro, que teño función.

Máis de preto

Rober xa ten contado que, xogando, el ten sido un neno «moi alemán», con criterios moi organizados. Algunha resposta máis dá sobre este tempo festivo de inverno.

 Que agasallaría se fose todopoderoso? Bo tempo en xullo e agosto. Si, bo tempo, despois da paz mundial e a saúde universal... É cando máis vou a Galicia e sempre andamos xogando á lotaría do tempo. A ver se para xullo xa pasou a sexta onda, ou a sétima se ten que vir, e podemos ter un verán normal, dos de antes.

A quen lle deixaría carbón? Diría que a ninguén, pero tamén digo que, respectando todas as ideoloxías que sexan tolerantes coa poboación, creo que o discurso político actual está moi empobrecido, é tremendamente infantil. Vexo aos representantes máis pendentes de ser guais que de ser eficaces. Hai un tipo de comedia que lle chaman roast, insultarse pero de forma aguda, sen facer o imbécil, algo parecido á regueifa. Ben, eu teño a sensación de que hoxe só se procura dar o zasca máis ocorrente, e máis agora que se consume todo moi rápido. Parece que se valora máis dar unha resposta enxeñosa en vinte segundos ca facer un discurso ben construído. E xa con cor política, falando do apoio á atención sanitaria nestes momentos... Un descontrol. Non hai vontade de acordo, de convivir, é desolador, fomos votar tres veces nas últimas eleccións... Ao final esa crispación entre os que nos representan transmítese á sociedade.

Que papel xoga nas comidas familiares? Cando volvo a Carballo teño unha regresión, volvo aos 18 anos nos que marchei da miña casa. Como coma quen di a mesa posta e se quixese un Cola-Cao só tería que pedilo... [ri].