Carballo rescata a figura dun dos primeiros dramaturgos de Galicia

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

Conmemorou o 150.º aniversario do nacemento de Xesús San Luís Romero

10 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Este é o mes de Xesús San Luís Romero. Naceu o 9 de setembro de 1876, casou o 8 de setembro de 1900 e faleceu o 22 do mesmo mes de 1966, argumentou o profesor Xan Fraga, quen na súa intervención onte diante da que foi a casa natal do autor, reivindicou a recuperación da figura do dramaturgo, a publicación da súa obra completa e o reimplantación dos topónimos tradicionais, fundamentais para coñecer o pasado de cada lugar de Carballo.

Comezou a homenaxe cunha muiñeira de Chao interpretada pola Banda de Gaitas de Carballo. Logo, Fraga repasou a biografía de San Luis Romero, que naceu na rúa da Saúde. Chámase así porque era onde estaban os Baños Novos. Era fillo dun zapateiro ilustrado procedente de Noia que chegou a exercer de alcalde carballés. Xesús San Luís era un neno enfermizo que aproveitou o ambiente cultural da casa para ler moito. Destacou Fraga, non entanto, que, a pesar deque cando el veu ao mundo a esperanza de vida era duns corenta anos, o autor carballés chegou aos 94. Cando tiña 18 anos morreulle a nai e logo marcha para Arxentina, onde participa nos movementos culturais dos emigrantes galegos.

En 1902 volve e establécese en Santiago, onde leva unha vida moi activa en canto á creación literaria e á participación política. En 1918 publica a súa principal obra, O Fidalgo. Logo verían outras, como Rosiña e traballos poéticos. Participa no Pacto de Lestrove de 1930 e en actividades de signo republicano e autonomista. E foi concelleiro de Compostela.

Coa chegada do golpe de Estado de 1936, Xesús San Luís foi condenado a tres anos de cárcere. Logo aplicáronlle a lei da masonería e estivo ata 1944 na cadea. As súas obras foron prohibidas, lembrou o profesor carballés, quen apuntou que é moi importante rescatar a obra completa deste e outros autores.

O alcalde, Evencio Ferrero, dixo sentirse satisfeito por este «encontro da comunidade carballesa para lembrar a fillos ilustres», como Xesús San Luís, que tanto ten aportado á dramaturxia e á literatura. Destacou tamén o esforzo que fai o colexio que leva o nome do autor. Neste centro, comentou, hai unha mostra conmemorativa e ao longo do curso haberá outras iniciativas en colaboración co Concello.

Os actores Toño Casais e Alba Bermúdez leron varias pasaxes da obra de Xesús San Luís, coa dirección de Artur Trillo. A Banda de Gaitas de Carballo puxo fin á homenaxe coa interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galicia.