Existe o que non vemos?

SANTI PAZOS

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Crítica teatral | A propósito de «Hay alguien en el bosque» | Por Santi Pazos

31 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Claro que o que non vemos tamén existe. Por moito que fagamos como ese recorrente mono que tapa ollos, oídos e boca para non ver, escoitar ou falar, a realidade é tan testuda que non se pode agochar. Un gran amigo dicíame, nunha viaxe que fixemos ao deserto de Arxelia, que sempre había testemuñas por moito que a min me parecese que só estabamos rodeados de area. Aquí, no 92, estabamos de festa, Xogos Olímpicos, Exposición Universal, boato e pompa. As circunstancias estaban non moi lonxe, na antiga Iugoslavia. Recordo perfectamente aquela Avenida dos francotiradores en Sarajevo, capital de Bosnia e Herzegovina. A xente corría asustada buscando refuxio, cando viña de comprar o pan, para non ser vítimas mortais do tiro ao branco indiscriminado que facían dende os tellados. Mais naqueles días pouco sabiamos da limpeza étnica que os serbios estaban a facer, matando aos homes e violando ás mulleres e nenas.

Menos mal que os periodistas pronto comezaron a contarmos, fotografar e denunciar o que alí estaba a pasar de verdade. Como Jordi Pujol Puente, o fotoxornalista español que morreu tiroteado mentres documentaba aquela barbarie. Ou a autora croata Slavenka Drakulic, que escribe unha novela sobre eses terribles acontecementos. Texto que serve de base para este proxecto de Cultura i Conflicte, xentes de diversos ámbitos profesionais que traballan para dar visibilidade a vítimas que, por moito que pase o tempo, nunca deixaran de selo. Neste caso cun proxecto educativo, un documental, unha Instalación fotográfica e a intensa obra de teatro que vimos este pasado domingo en Carballo. Un obra completa no aspecto técnico, xa que mestura destacadas interpretacións de actrices e actores de renome como Ariadna Gil, Montse Esteve, Óscar Muñoz, Magda Puig, Judit Farrés, Pep Pascual e Erol Lleri, con proxeccións de vídeos documentais e música en directo na que participan todos. Destaca Pep Pascual, sobre todo nese só de jazz prodixioso que nos regalou. Sen esquecer o labor de Joan Arqué Solá, director intelixente que foi quen de meter esa voluminosa escenografía nun escenario tan pequeno e conseguir que tantos personaxes non se esnafraran por falta de espazo.

BASILIO BELLO

Mais o importante aquí é a historia que nos contan, a parálise corpórea e a mente en branco traumática das vítimas, as escusas dos verdugos condenados, a necesidade de comprender o que pasou dos fillos que naceron daquelas violacións, o medo a contar porque obriga a recordar, o recoñecemento dese home que se considera culpable porque todos os machistas o son, medo e máis medo. É historia, feitos que non vimos, que non vivimos, que tardaron en contarnos, pero que foron reais, existiron. Non son opinións, é realidade, historia recente.

Toda a engrenaxe, incluíndo os cambios de ritmo que definen a intensidade dramática das diferentes escenas, funciona perfectamente porque están a contar verdades que a actualidade urxente agocha. Din, iso si, que intentaron evitar caer na pornografía emocional. Algo que se por unha parte é de agradecer ao quitarlle actitudes viscerais innecesarias, por outra réstalle forza interior as interpretacións e amósase, en certo modo, como un pouco aséptica. En definitiva, unha obra necesaria e moi recomendable, xa que nos bosques sempre pode haber indesexables esperando para atacar.

Saúde e longa vida…