Carlos Blanco, actor: «Coa compostaxe orgánica notas como produces moitísimo menos lixo»

A. Lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

DIEGO ALONSO FREIRE

Ecovoz | «Quédame a conciencia moi tranquila de ver que moito do lixo que producimos, que é demasiado, logo tradúcese a algo útil e vivo», explicou no programa de Radio Voz 

22 abr 2024 . Actualizado a las 13:38 h.

Carlos Blanco (Vilagarcía de Arousa, 1959) di que lle debe grande parte da súa concienciación medioambiental a un amigo da Illa de Arousa, Nito, pero o certo é que no último programa de Ecovoz, o actor amosou ser un home preocupado polo coidado do medio.

—Preocúpase moito por non contaminar?

—Eu vivo nun concello, A Illa de Arousa, que foi pioneiro no asunto da compostaxe, que xa é un hábito de moitos anos atrás. Teño a sorte de que un dos meus mellores amigos, Nito, un home de mar xubilado, coida o monte, ensina aos nenos... Nunha época na que aínda non era o normal, puxo un cartaz en tódolos sumidoiros da vila no que dicía: «Aquí empeza o mar». E así é. O que botes ao sumidoiro vai directo para ao mar. Del aprendín moito.

—Que fai no seu día a día para coidar a contorna?

—No fondo, o mesmo que facía miña nai, que separaba a comida para os porcos co caldeiro da lavadura. Agora chámaselle compostaxe. Facéndoo notas que produces moitísimo menos lixo. Ademais procuro separar os plásticos dos papeis e deixalos limpos, intento facelo ben, o mellor posible. Pero teño as miñas dúbidas de que é o que pasa despois de que eu deixe a miña bolsa do lixo. En cambio, no da compostaxe vexo o que sucede, que aproveitas esa materia orgánica que queda para botar ás plantas, ás que nutre. Quédame a conciencia moi tranquila de ver que moito do lixo que producimos, que é demasiado, logo tradúcese a algo útil e vivo.

—É unha especie de recompensa.

—É que paga moito a pena. Eu cada mañá fago os zumes da casa, e logo reciclas os restos das laranxas e do resto de alimentos. E ao final ves como se reconverte en pura vida. É unha recompensa moi grande porque, ademais, é sinxelo, é un traballo realmente doado de facer.