Memoria

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO MUNICIPIO

Tuco Cerviño presentou as súas memorias este mércores en Carballo, acompañado por Santi Pazos e Fernán Vello, director de Espiral Maior Foro
Tuco Cerviño presentou as súas memorias este mércores en Carballo, acompañado por Santi Pazos e Fernán Vello, director de Espiral Maior Foro ANA GARCÍA

26 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Existen diversas formas de escribir unhas memorias. A maioría dos autores que queren deixar constancia literaria das súas vivencias incorren nun defecto de egolatría narcisista bastante xeneralizado. Algo que non pasa coas de Tuco Cerviño tituladas Un taxi verde e un concerto, publicadas por Galaxia. Un exemplo de narrativa autobiográfica na que os acontecementos e as persoas que os provocaron convértense en protagonistas deixando ao autor como un personaxe secundario. Ese pudor, penso eu, xoga a favor da importancia metodolóxica e histórica que esta obra aporta. A descrición social e política que fai da Pontevedra da segunda metade do século XIX, e por extensión de Galicia, é un exemplo de rigor e honestidade intelectual. O mesmo que practica cando fala do movemento estudantil en Santiago de Compostela nas protestas do 68, onde el foi un líder indiscutible.

ANA GARCÍA

Mais, lonxe de darse importancia, decide repartir méritos e compartir esa épica loita polas liberdades cunha pormenorizada e extensa xenealoxía colectiva na que inclúe familia, amigos, camaradas, e tamén inimigos, sen rancor. Son excelentes eses retratos fisiolóxicos e intelectuais que fai de varias xeracións que forman parte da columna vertebral do pasado e presente de Galicia. Conta, dende a perspectiva dun cronista comprometido, acontecementos que non veñen só de recordos fugaces, xa que se fundamentan nun traballo de investigación no que cada dato está fiel e seriamente contrastado. Por todo isto, pasará a ser un libro de consulta imprescindible para coñecer a nosa propia historia contada como se fala, sen artificios. A honradez de Tuco coa súa propia historia queda máis que demostrada nesta magnífica autobiografía da que xa esperamos o segundo volume. Fagan caso e lean.