Eduardo Pondal foi o poeta do Rexurdimento con máis referencias ao territorio

A. L. CARBALLO / LA VOZ

CEE

Ana Garcia

O profesor e investigador Juan Félix Neira dirixiu a Cova Céltica da Fundación Pondal deste pasado sábado

21 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Eduardo Pondal foi un dos tres poetas do Rexurdimento que máis atención lle prestou ao territorio e a paisaxe. Así o considera Juan Félix Neira Pérez, profesor e investigador, que o sábado se encargou de dirixir a Cova Céltica que se celebrou na fundación pontecesá dentro dos actos do centenario. O bardo bergantiñán amosou, ben na súa obra, ben nos escritos que deixou en herdanza, unha grande cantidade de alusións e una demostración de que sentían unha gran curiosidade pola toponimia, a arqueoloxía, a fauna, a flora, a xeoloxía e a historia. A conferencia titulábase, en concreto, Eduardo Pondal, arqueólogo do Val Nativo.

Félix Neira repasou como nos escritos o poeta da ribeira do Anllóns deixou referencias ao xugo de ouro que as lendas localizaban no monte Ardal. Nos ditos da xente incluso se falaba de que había planos para buscar o tesouro. Tamén Pondal ten aludido a Os Seixos, de Tella, que «branquexaban cos primeiros raios de sol». Deste afloramento ten saído material para as fábricas de cerámica de Talavera de la Reina, se ben algún aínda queda polos valados. O profesor do instituto Fernando Blanco de Cee foi presentado polo alcalde e presidente da Fundación Eduardo Pondal, Xosé Lois García Carballido, que foi compañeiro del no colexio ceense. Noutro momento da súa disertación, que apoiou con proxeccións de fotografías, aludiu ao interese do autor do himno galego polas construcións megalíticas, de cuxos elementos hai citas claras en moitas parte da súa obra. Ademais do dolmen de Dombate, «sin duda uno de los mayores de Galicia», aludiu a outros do Val Nativo, como os da Mezquita, Alto da Bouza ou Canesteves.

Igual sucede cos castros, como os de Beres, que foi escavado nos anos 20 do pasado século, Cerezo, Nemeño, «el más grande y más hermoso de Bergantiños», segundo o poeta. «Pondal -en palabras de Neira- é unha auténtica mina no referente a conectar a literatura co territorio», palabras refrendadas polo patrón da fundación Luis Giadás, profesor tamén e presente na Cova Céltica do sábado e que ten considerado a obra do autor como unha especie de guía turística da bisbarra. Juan Félix Neira incluso expresou a posibilidade de que nas proximidades do Pozo da Señora tivese habido una especie de ermida dedicada a Santa María de la Cascada. E iso porque nun testamento do século XVII aludíase a unhas misas dedicadas a esta Virxe. As propias referencias de Eduardo Pondal a este espazo, déronlle un adobío literario a un lugar rodeado de lendas dende moi antigo. Ten habido crenzas de que unha muller vestida de branco ía lavar pola noite a ese lugar e desaparecía ao amencer. Mesmo dicían tamén que ía tocalas campás. Son novas visións que xorden en cada Cova Céltica.