A D. Manuel Val

CEE

03 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Pertenzo a esas xeracións do Instituto de Cee ás que lle deu clase Garea, Tonecho, Adela, Castiñeira, Maribel, Enrique, Val... D. Manuel Val. Tratábanos de vostede na aula, a súa marca de identidade, pero quen merecía todos os respectos era el. Con todo, eu lémbroo sorrindo, tratando de involucrarnos na materia, Química, e facéndonos sacar o ímpeto da mocidade.

Lembro que me fixo un exame de avaliación de xeito oral. Retáranos na clase. Antes facíase así, pero agora ninguén se atrevería a examinarse dese xeito. Ou si? Hai alguén? E erguín a man.

Hai cousas que non se esquecen na vida, coma esa. Veume avisar un compañeiro, Manolo, mentres facía o exame de inglés. Que di D. Manuel Val que se queres facer hoxe o exame oral... E eu rematei de revisar a gramática, asinei, e marchei á aula do lado, 3º B. Alí declamei algo sobre os enlaces bencénicos, collín xiz e resolvín problemas de tiro parabólico no encerado e non sei que máis. Fíxeno ben, e sei que el estaba máis orgulloso ca min. Que lle poñan nota os seus compañeiros. E aplaudiron. Este tipo de afrontas, das boas, forman verdadeiramente as persoas. E desde ese día, creo que nos collemos máis cariño aínda. Ben sei que xa mo tiña.

Cando nun programa da Radio Galega me sorprenderon con chamadas de xente que me quería ben, unha foi a del, que lembraba a miña figura como alumna. Só falou dos acertos. Poden imaxinarse a inmensa emoción. Non sei se a miña filla lembra que a primeira «piruleta» que tomou na vida lla regalou el. Eu si.