Diana Touriñán: «Un provedor díxome se non tiña un superior co que pechar o acordo»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CEE

ANA GARCÍA

Día da muller | Testemuñas | Diana é a responsable de loxística e transporte, compra de materias primas e venda de produto terminado na división de ferroaleacións de Xeal

09 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Diana Touriñán Novoa, muxiá de Castelo (Quintáns), leva quince anos traballando para Xeal (antes Ferroatlántica), dende que fixo as prácticas da Enxeñaría Química que cursou en Santiago. Primeiro entrou como técnico de fabricación e, pasado un tempo, foi nomeada responsable de loxística e transporte, compra de materias primas e venda de produto terminado. «Tamén levo a parte de calidade e laboratorio», explica Diana dende a división de ferroaleacións da empresa.

Como muller nun posto de responsabilidade, di sentirse moi «cómoda» co persoal que ten ao seu cargo, que é maioritariamente masculino, e tamén coas empresas externas coas que trata habitualmente. Iso non implica que, ao longo da súa traxectoria, non se teña topado con situacións machistas, «como cando algún provedor me dixo se non había algún superior meu co que puidese pechar o acordo», indica ela. «Aínda así, vexo que as cousas están cambiando. Antes, por exemplo, este era un sitio cun 100 % de homes, e agora hai máis presenza feminina. A miña directora, para empezar, xa é unha muller. Pouco a pouco imos cambiando o camiño», engade Diana.

É nai de dous nenos, de 4 e 2 anos, e considera que a flexibilidade horaria e as oportunidades de teletraballo son dous aspectos fundamentais á hora de conciliar. «Tamén foi un paso importante que se equiparasen as baixas de maternidade e paternidade, para que non haxa discriminación á hora de contratar a unha muller», di. Son factores que considera imprescindibles en calquera empresa e que permiten «que eu asentase a miña familia aquí, no entorno rural», conclúe.