Alumnos do CPI O Cruce de Cerceda, virais polo seu uso do verbo «tar»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

Rapaces de terceiro da ESO protagonizan un dos vídeos do espazo DígochoEu, conducido por Esther Estévez

05 abr 2024 . Actualizado a las 19:30 h.

En tan só unhas horas acadou máis de 100.000 visualizacións en TikTok e máis de 80.000 en Instagram, ás que hai que sumar as de YouTube, Facebook, X, WhatsApp ou a propia canle televisiva da TVG. As redes sociais foron o perfecto mecanismo expansivo este mércores 3 de abril do vídeo Tamos moi contentos no CPI O Cruce de Cerceda, unha produción do alumnado deste centro da man do programa DígochoEu, conducido pola presentadora Esther Estévez.

Rapaces de terceiro da ESO explican nesta peza o moito que usan o verbo «tar» en situacións cotiás: así, din «xa tou», «taba estudando», «tas tolo» ou «ta claro». Eles mesmos se encargan de explicar por que: «É unha aférese, unha evolución natural da lingua coa que se eliminan fonemas ao principio dunha palabra». Certamente é iso, mais tamén «un símbolo de identidade». Este uso acurtado do verbo «estar» dáse en moitos lugares de Galicia —tamén na lusofonía— e ten con Cerceda e toda a comarca de Bergantiños unha relación especial, dado o seu uso maioritario.

O vídeo é o resultado da idea enviada polos estudantes de O Cruce ao programa DígochoEu, a través do seu profesor Nel Vidal, extécnico de normalización lingüística de Carballo. Estévez tamén mantivo o día da gravación —13 de marzo— un encontro con rapaces de primaria e mesmo foi entrevistada na radio do centro. Protagonizan este traballo Noelia Castro, Iria Dubra, Aroa Rey, Olivia Lamas, Celia Bello, James Eghosa, Antía Porto, Saúl Pardo, Reynald Silva e Paula Castro.