José Varela, o médico que levou a bautizar a Rosalía de Castro

juan félix neira pérez

CORCUBIÓN

INSTITUTO PADRE SARMIENTO

Natural de Santiago, casou en Corcubión. Foi deputado en Cortes e tivo moitos recoñecementos

17 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Moito queda aínda por descubrir da importancia histórica da vila de Corcubión, así como dos persoeiros a ela vinculados. Algúns pasaron pola localidade dunha maneira fugaz, mais isto non foi óbice para que establecesen vínculos familiares. Tal foi o caso dunha figura en xeral descoñecida para os corcubioneses e hoxe absolutamente esquecida, que ben merece ser recordada en virtude dos servizos que prestou á vila de San Marcos en particular, pero sobre todo á sociedade galega en xeral. Por que non o nome dunha rúa?

O santiagués José Varela de Montes (1796-1868) cursou medicina na cidade natal. Representante máis xenuíno da chamada Escola Médica Compostelá, desenvolveu unha brillante carreira académica: catedrático de Fisioloxía e Hixiene primeiro, despois de Clínica Médica, Medicina Legal e Toxicoloxía, e decano da facultade. Chegará a ser médico de número do prestixiosísimo Gran Hospital Real de Santiago. No político, ocupou escano de deputado a Cortes pola provincia da Coruña polo partido monárquico-constitucional. Por suposto, escribiu moito e sobre moitos temas médicos. En fin, un home de prol recompensado xustamente con distincións e premios. Pois ben, tal gloria da medicina galega e española deu os seus primeiros pasos profesionais na vila de San Marcos, onde exerceu como médico titular durante uns catro anos… e onde casou.

Vínculo familiar

O párroco de Corcubión, Francisco Antonio Monterroso, consigna o 18 de setembro de 1822 no libro sacramental de casados o matrimonio entre Josef Varela de Montes e Josefa Recamán. El é «vecino de esta villa, hijo de legítimo matrimonio de don Francisco Varela, y de doña Francisca Montes, ahora difuntos y vecinos que han sido de la Ciudad de Santiago, parroquia de San Benito do Campo». Ela, corcubionesa, «también soltera, hija de don Manuel Recamán y de doña María de Soto su mujer, vecinos de dicha Villa de Corcubión». Entre os presentes e testemuñas, lemos algún apelido relevante da vila, como Diego Porrúa, feito que non debe estrañar no enlace dun dos poderes fácticos do pobo, o médico titular.

Non perderon o tempo os cónxuxes en comezar a prole, xa que practicamente aos nove meses xustos da voda nace a primeira filla corcubionesa de Varela, o 7 de xuño de 1823: Dolores Josefa Paulina. Ano e medio máis tarde, o 4 de xaneiro de 1825, ve a primeira luz a segunda, María Ascensión, en cuxa partida bautismal si se especifica a profesión do pai, «Varela de Montes, médico titular de esta Villa». Despois de residir en Corcubión, parece que lle naceron polo menos catro varóns: militar, xurista, farmacéutico e, faltaría máis, médico.

No expediente universitario puidemos comprobar como, xa no seu novo destino como médico titular no Real Mosteiro de Sobrado dos Monxes, pídese unha certificación sobre a conduta política do doutor. Impecable, por certo: non fora membro de ningunha «Junta sospechosa... y ha manifestado su aversión al sistema revolucionario».

Así o confirman as autoridades de Corcubión: o escribán Manuel Recamán (seguramente o seu sogro), o rexedor, o cura, o administrador de rendas e a autoridade de Mariña.

Entre novembro de 1854 e xaneiro de 1855, sabemos que o párroco Juan Díaz de Neira asenta un total de vinte e catro defuncións en Corcubión debidas ao «cólera morbu» (morbus en latín significa enfermidade), sen sinalar a idade dos falecidos; a parroquia de San Pedro de Redonda, en cambio, non se viu afectada, segundo se desprende dos libros parroquiais.

Este andazo epidémico e infeccioso, parece que procedente de Asia, provocaba unha gastroenterite aguda con diarrea, cólicos e vómitos, sobre todo en outono e verán. Aínda que xa non exercía en Corcubión, Varela de Montes escribiu uns Preceptos preventivos contra el cólera morbo en 1853, e un ano despois, coincidindo co andazo na vila, foi un dos redactores do Boletín del cólera, periódico de circunstancias, que se publicaba tres veces á semana, con números extraordinarios se a evolución do mal o esixía. A publicación informaba acerca das medidas que debía tomar a poboación ante a enfermidade; tamén facía inventario dos falecementos, que afectaron especialmente as Rías Baixas, con incidencia progresiva nas terras interiores de Santiago e Pontevedra.

No boletín afírmase que «la enfermedad reinante en Galicia desde principios de Noviembre [cando comezan as mortes en Corcubión] es el cólera morbo asiático». Polos seus servizos contra o cólera foi condecorado coa Gran Cruz da Real Orden Americana de Isabel la Católica, cruz e banda que por certo loce na fotografía que ilustra este texto.

Varíola confluente

Case tres décadas máis tarde, en 1880, outro andazo cae sobre a vila, unha epidemia de varíola. Denomínaa o párroco «viruela confluente» (pola confluencia das pústulas) ou «fiebre variolosa». Leva á tumba, entre febreiro e xuño, dez mulleres e seis homes, todos de idades pouco avanzadas, de entre oito e vinte e seis anos (a media é de quince anos). Era unha enfermidade que visitaba periodicamente as xa sufridas xentes da comarca, como sabemos por unha carta de Pondal enviada en 1898 desde A Coruña á súa irmá Josefa: «Mucho celebro que por ahí no haya novedad y que esos casos de viruela confluente de Lage desaparezcan y no se extiendan por ese país. No hay que tener miedo (el miedo es un fantasma imaginario); guardad ese aislamiento prudente y, fiando en Dios, nada os sucederá».

Aquí máis que o bardo falaba o médico quen, como enfermidade infecciosa que a varíola tamén é, prescribe a mesma recomendación que contra o cólera lemos no boletín redactado por Varela: «El mejor preservativo es la incomunicación de las cosas y personas en un principio: después es ya impracticable». Así deberon de actuar os laxenses da vila, pois dos libros de defuncións non cabe colixir que o mal cobrase o seu tributo. En calquera caso, que as pústulas con bostelas, ao caeren, deixaban vitalicia pegada nas facianas dos doentes o proba o feito de que nas requisitorias xudiciais da época, para a identificación física da persoa buscada, era frecuente ler que esta tiña a «cara hoyosa o picada de viruelas».

Rosalía, en brazos de Varela

Pero se hai unha circunstancia fermosa na vida do doutor Varela esa foi a que nos conta o poeta compostelán Victoriano Taibo García, cando di que «el gran Varela de Montes» asiste no parto á nai de Rosalía de Castro na xa desaparecida casa compostelá das Barreiras, «y luego él mismo lleva la recién nacida, para ser bautizada, a la iglesia del Hospital Real, del cual era médico primero; y solamente para recibir las aguas bautismales, pues la niña no va destinada a la Inclusa, y por eso no ingresa en ella».

A relación entre Rosalía e Varela debeu de continuar, a xulgar por unha carta da poetisa a Pondal, datada en Santiago en 1864, na que o anima a restablecerse dos seus achaques: «Con esto debe V. cobrar inmensas esperanzas, pues no puedo suponer se juzgue V. más enfermo que lo estaba yo, a quien Varela juzgaba mujer muerta».

Despois de dedicar todos os seus desvelos e talento a mellorar a calidade de vida -cando non a salvala- dos galegos, a Varela cóubolle en sorte a entrañable responsabilidade de levar nos seus brazos a acristianar a que co tempo ía converterse tamén nun símbolo de Galicia toda. Sen dúbida foi esta a súa máis alta condecoración.