a pé de campo

Un partido para a historia do fútbol da Costa


Coma outros 1.200 afeccionados tiven a sorte de estar presente no partido C.D. Baio-Corme C.F. do domingo 9 de abril, que pasará á historia do fútbol da Costa por moitos motivos. En primeiro lugar, porque había anos que non se xuntaba tanto público para ver un encontro de fútbol modesto, para máis inri da 2ª Autonómica. Segundo a crónica de J. M. Ferreiro en La Voz, había nel máis xente que na última final da Copa da Costa entre o Corme e o Xallas. No Platas Reinoso non se lembraba tanta afluencia desde a inauguración do campo o 28-8-1990 cun partido entre o Deportivo e o Bergantiños, incluídas as finais copeiras do propio Baio contra o Mineiro (2004) e o Dumbría (2005).

Ademais da citada crónica de La Voz recomendo a do blog do C.D. Baio (http://clubdeportivobaio.blogspot.com.es/), con este suxerente titular: Que bonito é o fútbol (da Costa).

Xogouse un partido de alta calidade técnica, por momentos máis propio de categorías superiores, mais o que eu quero salientar é algo aínda máis importante para os tempos que corren, pois todos vimos nos medios televisivos españois vergonzosas liortas entre pais (e nais!) de xogadores xuvenís: neste encontro cume entre o primeiro e o segundo clasificado do grupo 2º da 2ª Autonómica (Liga da Costa) reinou unha exquisita deportividade entre os xogadores dos dous equipos e das súas respectivas afeccións.

Que un saiba, nel non houbo o máis mínimo incidente: cadaquén animou ós seus sen meterse cos rivais.

Ó final do partido os xogadores dun e outro equipo abrazáronse e para min que selaron unha amizade duradeira. Oxalá.

Afeccións exemplares que dignifican a Costa

E chegados a este punto cómpre salientar aínda máis o mérito dos xogadores e dos seareiros visitantes, que souberon aceptar a vitoria do rival con enteira deportividade, e iso non é nada fácil. Con cabaleiros do fútbol coma o directivo cormelán Suso da Torriña -a quen tiven a sorte de coñecer persoalmente hai uns meses-, tal comportamento é máis que explicable. Nin que dicir ten que a afección baiesa tamén valorou e moito a actitude correctísima dos de Corme, e boa parte dela xuntou os seus aplausos ós dos visitantes para animar os futbolistas «non gañadores, porque no partido do domingo non houbo perdedores», como atinadamente escribiu o cronista do blog do C.D. Baio, no que tamén lemos o seguinte: «Dous equipos, dúas afeccións exemplares que dignifican aínda máis esta Liga da Costa, envexa de moitos».

Noutra crónica dixital destácase sobre todo «o exquisito regusto de deportividade digno de saír nos xornais nacionais como resposta aos actos trogloditas no balompé base».

Ademais do apuntado por outro coñecido comentarista («o fútbol da Costa está vivo, moi vivo, e cunha gran afección por detrás») o partido sen dúbida pasará á historia por este respecto mutuo, algo que debera de encher de orgullo a toda a gran familia do fútbol costeiro. Por algo o escritor (e exfutbolista) Xelucho Abella xa dicía no prólogo do noso libro de 1989 que a Liga da Costa era algo máis ca unha simple competición futbolística. Que nos sigan tendo envexa, pero por comportamentos exemplares coma este. E logo, non debería saír a crónica deste partido en todos os medios, mesmo os televisivos galegos e españois?

Votación
23 votos
Etiquetas
Dumbría Ponteceso Liga da Costa Baio
Comentarios