Frondosas

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

FISTERRA

03 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende sempre, de cando aínda estaba a estrada vella a Madrid (ollo: a primeira, despois viñeron aínda dúas máis, coa autovía) da provincia de Lugo sempre me chamou a atención a abundancia de frondosas. Falo de beira da vía, naturalmente, porque falar da provincia en xeral é tan inxusto como facelo da coruñesa, chea de contrastes e diversidade de Padrón a Ortegal, de Fisterra a Santiso (onde está a segunda parroquia de Vimianzo que hai no mundo). Con Lugo pasa igual, da Mariña ata Quiroga e da Fonsagrada (creo que os corzos que había por alí a milleiros xa chegaron ata Bergantiños) ata Palas de Rei. Aínda así, atravesar con xeito esa terra de Guitiriz ao Cebreiro, e parando cando había que parar, tamén che dá unha boa perspectiva. Sobre todo se as primeiras veces fuches nun 600 e as segundas nun Ford Fiesta 1.1.

Desas historias moito se pode contar. E eu, practicamente nada, pero si os viaxantes e transportistas en xeral. Algo xa teño sentido. Pero cada vez que volvo a conducir por esa zona, hai algo que segue sendo exactamente igual: a paisaxe. Carballos, castiñeiros, moitos tipos de frondosas, tamén novas. Nesta época do ano, ademais, algunha follas que nacen presentan os mesmos ocres que cando se van en novembro. Unha delicia para a vista. E sigo, como daquela, sen entender como é posible que na nosa comarca non se conservara esa vexetación e se apostase só polos eucaliptos e pinos. E si, os outros tamén dan algo de cartos.

Por certo, no casco vello de Lugo cidade (e no resto, por suposto) tamén hai árbores. Como no de Carballo. Igual.