Os plásticos son o gran problema

Xosé Manuel Barros A VOZ DA NATUREZA

FISTERRA

23 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Se dentro de cinco anos temos que seguir limpando os mesmos volumes de lixo plástico que retiramos agora da nosa costa, isto significará que todos os sectores da sociedade involucrados en poñerlle freo á contaminación dos plásticos no mar, teremos fracasado. Falo dos plásticos porque son o 90 % do lixo que Mar de Fábula retira das praias e coídos do noso litoral. Plásticos de todas as formas, tamaños e composicións e rotulados en todas as linguas, como non podía ser doutra maneira ao pasar a poucas millas da nosa costa máis de 40.000 barcos ao ano polo Corredor Marítimo de Fisterra. Mais, con diferenza, o meirande volume deste lixo que apañamos na ribeira ten orixe local, procede da terra firme e algúns teñen unha orixe moi enxebre.

     A única maneira de poñerlle freo a este pesadelo, a esta historia sen fin que é limpar o mar á man (¿como, se non?), é ir á raíz do problema. Non vai desaparecer a contaminación ambiental a base de decretos e prohibicións. A solución principal, certamente complexa, pasa por combater a contaminación mental da sociedade actual e romper o muro de indiferenza que a separa da defensa do común, daquilo que é de todos nós. Non entanto, a resultas da nosa práctica, podemos apuntar liñas de acción concretas que terían resultados positivos a curto prazo. Limpeza tras limpeza, ao pasar polas nosas mans toda sorte de refugallos plásticos depositados na area, observamos sempre unha mesma secuencia, unha especie de «núcleo duro» de seis contaminantes plásticos que marcan a súa presenza, calquera que sexa o anaco de costa na que traballemos. Son: bastonciños de algodón, paus plásticos das bateas, botellas de plástico, espumas, aparellos de pesca e bágoas de serea. Nesta sorte de supermercado do lixo no que temos convertido o mar, estes seis refugallos plásticos compoñen sempre o lote principal, están sempre de oferta. Témolo claro. A maneira máis directa de poñerlle fondo a este saco sen fondo é atallar as fontes de contaminación na súa orixe. Temos que tirar do fío para chegar á orixe. Como todo na vida, temos que ir á raíz dos problemas. Dentro desta estratexia, o primeiro contaminante que escollemos polo seu número, foron os bastonciños de algodón cos seus compañeiros de viaxe. En xuño de 2016, Mar de Fábula lanzou a campaña A túa casa non queda tan lonxe do mar. O segundo contaminante da nosa costa no que temos fixado a nosa atención, tamén polo seu número, son os paus plásticos das bateas para o cultivo do mexillón. Puxémonos en contacto co fabricante destes aparellos en Boiro e co Consello Regulador do Mexillón de Galicia, en Vilagarcía. O primeiro acusou recibo desta realidade e apuntounos algunhas suxerencias para neutralizar o problema, das que dimos traslado ao Consello Regulador. Estamos na espera da súa reacción.