Pasos e versos por Laxe para reivindicar a Antón Zapata

Á. Palmou

LAXE

Jose Manuel Casal

Miro Villar guiou aos profesores do ciclo Dombate Primavera da Poesía pola vila natal do autor

21 abr 2017 . Actualizado a las 14:32 h.

As xornadas de profesorado do ciclo Dombate Primavera da Poesía abandonaron onte momentaneamente o dolmen cabanés para seguir as pegadas dun dos poetas máis destacados das letras da comarca, aínda que non suficientemente recoñecido: Antón Zapata (Laxe, 1886-Bos Aires, 1953).

O ceense Miro Villar fixo gala da súa tripla condición de docente, poeta e experto no autor laxense -súa é a obra Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República- para guiar un percorrido no que os pasos pola vila dos participantes foron acompañados polos versos de Zapata, o relato da súa vida e a análise da súa obra.

Ao carón da igrexa de Santa María da Atalaia, lembraron os seus antecedentes familiares e a súa relación de parentesco con Pondal; xunto a súa casa natal proseguiuse co periplo vital que o obrigou a abandonar a súa terra con só 18 anos, e tras baixar ata o porto, foron os versos de Zapata os que falaron de como era Laxe naquela época e dos diversos labores que facía a xente do mar.

A xornada, que concluíu xa de regreso en Dombate analizando os poemas que lle dedicou a Pondal e ao dolmen, serviu para reivindicar a un autor que non ocupa o lugar que merece. «Só publicou un libro -A roseira da soidade-, tivo que emigrar con só 18 anos, foi censurado polo franquismo...», enumera Villar para explicar unha situación que podería comezar a remediarse potenciando roteiros como o de onte e emulando así o traballo que están a realizar en Ponteceso e Muxía con Pondal e Abente.

Próxima antoloxía

Villar poñerá outro gran de area nese senso coa próxima publicación, en colaboración con Museo do Mar de Laxe, dunha antoloxía dos versos que Zapata dedicou ao mundo do mar e unha análise do seu rico léxico mariñeiro. «É o único autor que emprega nun poema termos como trincado, unha embarcación xa desaparecida», apunta Villar a modo de exemplo da importancia da súa obra.

Seguen as actividades

Tras a sesión de onte, as xornadas do profesorado tómanse un descanso ata o mércores da próxima semana, cando Manuel Ferreiro analizará os versos que Pondal lle dedicou ao dolmen de Dombate.

Pero si proseguen hoxe as actividades dos obradoiros para escolares organizados tamén no marco do ciclo Dombate Primavera da Poesía. Tras o obradoiro impartido onte por Xoán Carlos Domínguez hoxe será a escritora ceense María Canosa quen compartirá a súa visión da poesía cos escolares do colexio As Revoltas: ás 10, cos de terceiro de primaria, e ás 11, cos de cuarto.