«Traballar con maiores é aprendizaxe constante, eles pasaron calamidades»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Jose Manuel Casal

Dombate acollerá mañá pola tarde a preestrea do documental «Aínda recordo, aínda...»

24 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate acollerá mañá, sábado, ás 17.00 horas, a preestrea do documental Aínda recordo, aínda. O traballo tirou da memoria dun bo número de usuarios do centro de día de Cabana, que foi de onde partiu a idea. O director do documental, Omar Rabuñal (A Coruña, 1978), explicaba a mediados de febreiro que, a medida que se ía gravando, tamén se lle ía dando corpo. Chegou o momento de ver o resultado dun proxecto no que tamén puxeron da súa parte o Concello cabanés e máis a Deputación, entre outros.

-¿Que é o que finalmente ten nas mans con este documental?

-Máis ou menos, o que tiña previsto. Un documental de en torno a unha hora e cuarto no cal se vai facer un percorrido polos tempos de antes a través da voz desta xente do centro de día, a través das falas da zona [hai usuarios de Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe e Zas]. É un documental, ademais, dividido en capítulos: infancia, mocidade, traballo, emigración... Falan tamén de meigas e outros contos e hai a maiores un apartado reservado para a memoria. Aínda recordo, aínda é un poema de Pondal dedicado a Dombate e paréceme interesantísimo o feito de que os usuarios non só nos contaron cousas que xa recordaban, o cal é un bo exercicio de memoria, senón que tamén lembraron cousas que xa esqueceran, a través dos fillos e dos netos. Deu resultado, nese sentido. Hai xente con deterioro cognitivo que foi quen de recordar.

-Traballou, ademais, con algo moi fráxil, pois se a memoria destas persoas non se recollese, quizais todo iso perderíase axiña.

-Efectivamente, é un tema moi delicado. Primeiro xa está o feito de entrar en contacto con estas persoas. Eu tiven a sorte de que estaba sempre ao meu lado Lorena [xerocultora no centro de día]. Sen ela sería imposible, non se abrirían tanto a min, contando intimidades súas que, sen estar ela, sería difícil. Digo sempre o mesmo: eu non sei como falaba un galego do século XVIII ou XIX, pero os nosos descendentes si o poderán saber da xente de agora: como era a súa fala, o seu xeito de pensar...

-Logo de «Titania» ou de «Para mariñeiros nós» xa case é un máis da Costa da Morte. ¿Sénteo así?

-Si, si, sempre que vou por esa zona pásame. En Corme coñezo un montón de xente, e en Neaño, Canduas ou Cabana, igual. Sodes, ademais, xente moi sociable, aberta, non sei se por vivir preto do mar... A Costa da Morte, para min, é un pobo cosmopolita.

-¿Como foi o traballo cos maiores?

-É unha constante aprendizaxe, sobre todo porque che permite ver as calamidades polas que pasaron. Permitiume ver, por exemplo, que os meus ‘problemas’ non son tan graves. Esta xente pasou fame, morréronlles familiares na guerra...

-Xa con ‘Titania’ tirou tamén da memoria. ¿Que lle parecen iniciativas así, xa sexa por parte do Concello, de asociacións...?

-Impresionante. Creo que debería ser o normal en todos os concellos, pero non o é. Xosé María Varela... se non fose por el, moitas destas iniciativas non existirían. Faino porque así o sente, e porque o vive, é un traballo inmenso.

-¿Que teñen preparado para a preestrea do documental, mañá?

-Acompañaranos Matilde Vilariño, poeta. Ela recitará o poema de Pondal e ao acordeón estará o seu neto. Acudirei tamén, ¡non mo podo perder! Penso que ás familias lle vai gustar, que sen van rir... Falo independentemente do meu traballo. Xa só que eles se vexan alí na pantalla, lembrando... Foron uns 45 minutos por entrevista e son 22. Calculo que tería unhas 25 ou 26 horas de gravacións, dende que empezamos a finais de xaneiro.

-Coñecería a moita xente, tamén.

-Si, moita, e Lorena e Eva... [Eva é a directora do centro de día]. Lorena foi a que recolleu e fixo todas as transcricións das historias que lle contaban a ela. Eu líaas e despois gravabamos, volvendo a preguntar polo mesmo, aínda que saíron cousa novas, por suposto.

-Satisfeito, entón.

-Si. Claro que as cousas sempre son mellorables, pero si. Foi, ademais, un traballo colectivo.

-¿Anda complicado o mundo da cinematografía hoxe en día?

-¿Complicado? Penso que non. Se queres facer una película, faiche falta unha cámara e uns actores [ri]. Igual nunca tivemos tantas facilidades coma agora.

-¿Tíranlle máis os documentais, xa que leva uns cantos feitos?

-Gústame máis a ficción, a verdade. Agora traballo en televisión, pero sempre que podo fago cousas...

O proxecto. Dombate, como símbolo do perenne, foi o escenario final das gravacións. O proxecto forma parte das actividades ao abeiro do convenio que o Concello de Cabana ten subscrito coa Deputación, titular do megálito. O centro social pertence á rede da Consellería de Política Social.