Aqueles tempos de expedicións e xogos en Muxía

MON BÚA

MUXÍA

XESÚS BÚA

«(...) Esperabamos a que meu pai chegase do barco na gamela e atracase alí na mesma rambletiña e, de corrido, espidos do baño, axudabámoslle a subir as caixas de peixe, as trallas e os sacos de aparello para logo seguir bañándonos. Moita da rapazada muxiá daqueles anos aprendemos a nadar alí co apoio e reforzo do meu pai (...)»

26 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tanto polas mañás como polas tardes de verán, os rapaces e rapazas de Muxía pasaban o tempo xogando no malecón, na explanada, e ían pescar á Escollera e a Puerto Chico. Logo, pola noite, algúns acudían á Curva do Muelle ás luras (tanto baixo o rol de pescadores coma de espectadores), cousa que segue a ter a súa vixencia. O punto clave para esta historia circunscríbese á rambleta de Puerto Chico, situada na entrada do muelle vello de Muxía, onde descansan ao sol distintas gamelas boca abaixo. 

No verán é típico velas secando despois das mans de pintura que se lle foron dando pola mañá cando quenta o sol e dá o vento, tal é así que moitas veces por recostarse contra elas, tentando secarse o corpo do baño, os rapaces acababamos manchados de patente e non había quen o quitase da pel. Tampouco é que pasara nada por iso.

Esa rambletiña pola que se botan as pequenas embarcacións ao mar non é meramente un lugar de traballo calquera afastado: para nós era un parque de atraccións. Había días, que dende pola mañá estabamos alí tirándonos de busios (i. e., de cabeza), xogando con balsas inchables, subíndonos ás gamelas e ás boias, facendo carreiras para secar, tombándonos ao sol no abrigo do muelle nas pedras da Escollera, pescando bertorellas nas escaleiras do lado da rambleta, buceando coas gafas, tubo e con aletas vendo as centolas e as nécoras que por alí andan.

Esperabamos a que meu pai chegase do barco na gamela e atracase alí na mesma rambletiña e, de corrido, espidos do baño, axudabámoslle a subir as caixas de peixe, as trallas e os sacos de aparello para logo seguir bañándonos. Moita da rapazada muxiá daqueles anos aprendemos a nadar alí co apoio e reforzo do meu pai.

Os meus veciños e os da nosa casa tirabámonos con manguitos e burbullas flotantes ata que pouco a pouco iamos empurrándonos uns aos outros e a base de sustos comezabamos a bracear ata nadar por nós mesmos.

Aquel sitio adaptábase perfectamente a todos os xogos e diversións que argallabamos, en moitos casos improvisadamente. Tanto colliamos unha corda cunha pedra para xogar a buscala buceando, como faciamos carreiras de natación dende unha boia ata un barco, tirándonos dende o alto de Puerto Chico cando estaba a marea alta para que houbese calado. Cada día de verán parabamos alí a bañarnos, o plan máis habitual era pola mañá a tirarse á rambleta de Puerto Chico e, logo pola tarde, á praia. Cando eramos máis rapaces, iamos ca miña nai unha pila de nenos e nenas, quedabamos ata a noite na praia da Cruz, pasabamos o día no mar e secándonos, a veces nin parabamos para descansar e xa iamos co plátano na man po río e comiámolo cheo de areas mentres facíamos unha presa.

Agora ben, co paso do tempo, así que iamos amedrentando, os plans xa collían outra forma. Os máis atrevidos subíanse ás proas dos barcos e tirábanse dende a canaleta; que é unha rampiña pola que corre o xeo na Nevera, onde os barcos paran a cargar caixas a través dunha mangueira que chega ao chan dende o alto. Logo iamos nadando por todo o muelle, faciamos verdadeiras expedicións dende a rambleta ata a praia da Cruz e a Laxiña e, ao final (ás veces xa de noite), volviamos para a rambleta onde tiñamos as roupas e toallas a secar dentro dunhas gamelas de Puerto Chico. Esa zona do muelle, pola que moita xente de Muxía pasea habitualmente, facíasenos propia e parte dun hábitat do que coñeciamos todos os seus intersticios, escondiamos paus nas pedras, sabiamos como estaba o fondo do mar desa zona portuaria, tiñamos exploradas as covas para pescar, mapeabamos toda novidade que houbese. E todo sen aplicacións de móbil, claro está. Que ben o pasabamos.

DNI. Mon Búa. Muxián, licenciado en Psicoloxía pola USC e graduado en Filosofía pola UNED. Destaca tamén a súa faceta de músico, ademais de estar vinculado ao teatro. Ten publicado artigos en revistas, a obra «A pregunta como resposta: Proposta de diálogo en torno á visión tecnolóxica do desenvolvemento humano» e pronunciado un bo número de conferencias. Integra a Universidade Cromática das Virtudes.