«Este premio a 'Sicixia' en Houston é un premio a toda a xente da Costa da Morte»

v. couto / p. blanco CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

José Manuel Casal

Vilar manterá esta mañá un encontro aberto no Bela Muxía para festexar o galardón

05 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A película Sicixia, paseo polo amor e a Costa da Morte, de Vía Láctea Filmes, vén de conseguir un grande recoñecemento internacional, ao ser designada no 50.º WorldFest-Houston (Estados Unidos) como o mellor filme estranxeiro. O seu director, Ignacio Vilar, falou onte en Radio Voz Bergantiños da experiencia alí vivida e tamén avanzou algo do encontro aberto que hoxe, ás 11.00, haberá no Hotel-Albergue Bela Muxía, para festexar xuntos.

-Volven de Houston cun premio. ¿Que perspectivas levaban?

-Xa estar elixidos era un premio. O festival cumpría 50 anos, é un dos máis antigos e importantes de Estados Unidos. Estar na sección oficial, na selección, era un recoñecemento. Nisto dos festivais nunca sabes o que vai pasar, pero o que pasou é que Sicixia e a Costa da Morte chegáronlle ao xurado e nada máis e nada menos que lle outorgaron o premio de mellor película estranxeira competindo con 38 chegadas de todo o mundo: Rusia, Estados Unidos, Reino Unido, Italia... Que isto ocorra cunha película galega, rodada en galego, e rodada na Costa da Morte... Pois aí estamos, no mundo, porque ao final o cine é unha grande pantalla para darnos a coñecer: a nosa cultura, a nosa gastronomía, a nosa paisaxe, os nosos sons, o noso idioma.

-Encantados, por suposto.

-Claro que si, e ademais está a resposta do público. Estaba o cine cheo de norteamericanos e norteamericanas e de pronto... Pasounos coma en París ou en Toulouse, que se mergullaron de cheo na Costa da Morte. Saen dicindo, como xa me comentaron outros espectadores, que dende logo un dos seus sitios de vacacións será esta comarca.

-Quizais aínda non somos conscientes de a que lonxe están chegando as nosas paisaxes, os nosos acentos, os nosos sons.

-Non somos conscientes do que temos. Se en Houston probaran toda a gastronomía que hai na Costa da Morte, quedarían impresionados porque a súa é moi pobre [ri]. A paisaxe e as nosas tradicións xa son outra cousa, eses anos que temos de historia nótanse moito e debemos estar orgullosos do que nos deixaron os nosos devanceiros.

-Un novo éxito, e ademais nun festival de tanto prestixio.

-¡Imaxina! En Estados Unidos estivemos na prensa de Los Ángeles, Washigton... Tamén en España en cantidade de medios. Todo isto vainos axudar, porque ademais o día 12 estreamos a película en Cataluña. Sicixia, despois de cinco ou seis meses da estrea, segue viva e segue viaxando polo mundo.

-¿Leva a conta dos galardóns?

-Si... o premio á mellor actriz en Toulouse tamén foi un pulo. Olalla, o personaxe que interpreta Marta Lado, fisterrá, para min é a encarnación da Costa da Morte. Marta lévaa por todo o mundo.

-Podemos dicir que Marta Lado é máis «Sicixia» ca ninguén.

-¡Si, si! Eu xa o tiña claro antes de facer a película, cando a coñecín. Cando falei con ela no 2012, rodando Vilamor, e lle escoitei o seu sotaque, o seu acento, de pronto veume á cabeza toda a Costa da Morte. Xa llo dixen alí mismo, na Fonsagrada: “Temos que facer unha película”.

-O premio de Houston, ademais, ten unha dedicatoria especial.

-Efectivamente, no Bela Muxía haberá [hoxe un encontro de representantes da Costa da Morte, aberto ao público, ao que invitamos a todo o mundo, para celebrar algo que é de todos. Gustaríame ver alí a todas eses grandes personaxes que nos axudaron e aparecen en Sicixia. Este, para min, é un premio a toda a xente da Costa da Morte. Grazas a eles eu puiden contar esta historia, foi a historia que me contaron eles. Síntome como un transmisor. Eles foron os protagonistas.

-¿Cara onde vai Sicixia agora?

-Continuaremos indo polo mundo, pero aínda non podemos contalo... En Galicia seguimos levándoa aos rapaces dos institutos. Para nós é fundamental que os adolescentes vaian ao cine e vexan as nosas historias. Estiven hai pouco en Ourense e alí descubriron a Costa da Morte. Quedaron impresionados. Así vivimos de costas o interior e a costa. É a forza do cine. Con isto quero dicir que non só serve para darnos a coñecer no mundo, senón tamén para darnos a coñecer a nós mesmos. Para este verán, ademais, estamos preparando para todos os concellos da Costa da Morte que queiran, facer unha proxección ao aire libre, cunha gran pantalla, o son... Todas aquelas persoas, turistas e visitantes, poden achegarse. Queremos que sexan a maior cantidade de xente a que vexa Sicixia, porque percibimos como facéndoo queren vir ou volver ata aquí, a vivir a súa experiencia. Esa é a proposta. Eu vivín a miña experiencia e cóntoa na película, pero o filme é unha proposta para que cada un o faga.