«Quixemos poñer en primeiro plano as cousas que ignoramos»

f. rodríguez / p. blanco

MUXÍA

O salón de actos de Muxía acollerá mañá (20.00 horas) a proxección do documental «Entrar aos Vilares», con posterior coloquio

26 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Entrar aos Vilares é un documental distinto, a narración do moito que ofrece unha aldea vista dende fóra, dende unha xeración que xa non naceu nela. O traballo proxectarase mañá pola tarde en Muxía (20.00, salón de actos) e haberá un posterior coloquio. Cibrán Tenreiro (27 anos) é o director da peza e dela falou onte en Radio Voz Bergantiños. Explicou que, aínda que el non poderá acudir, si estará seu pai, Antón Tenreiro, presidente da asociación Lareira de Soños, dinamizador cultural de Os Vilares -a parroquia do poeta Díaz Castro- e promotor en boa medida do documental.

-Acudirá tamén Pas Veres, autora do libro que acompañará este audiovisual.

-Si, porque a idea é combinar as dúas cousas. Pastora é de Os Vilares e iso permítelle ofrecer unha visión máis exhaustiva, dende dentro. As entrevistas que lle fai aos habitantes parten así dun coñecemento común. Digamos que nós partimos máis de cero.

-¿Cal era o obxectivo?

-A premisa era como podiamos facer para romper as barreiras con respecto a un sitio que non coñecemos, descubrir que é o que define a esa parroquia e á súa xente.

-¿Como reacciona a xente?

-Non hai un patrón moi claro para a xente que o ve, pero o que quixemos facer foi poñer en primeiro plano as cousas que ignoramos. Temos un descoñecemento de moitas cousas que son parte do noso entorno e tradición.

-Falamos dun documental feito de xeito non convencional.

-Fomos gravando entrevistas, rexistrando as nosas experiencias, a relación co espazo, a paisaxe... Organizamos o guión partindo desas declaracións, que falan de festas, animais ou cambios tecnolóxicos, por exemplo. Hai 7 capítulos. Quixemos fuxir dese documental máis tradicional e expositivo. O espectador pode tirar as súas conclusións.